Bretemada, recensión de Armando Requeixo no Faro de Vigo


O profesor e crítico literario Armando Requeixo vén de publicar o pasado xoves 24 de novembro no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo unha recensión do poemario Bretemada, de Gonzalo López Abente. A devandita nota crítica, que reproducimos abaixo, tamén se pode ler co título de “Poesía bretemeira” no excelente blogue de Requeixo, que leva o título de Criticalia. Velaquí:
Poesía bretemeira
Calquera estudo rigoroso que recupere e actualice a figura e a obra de escritores galegos do noso pasado literario debería ser sempre ben recibido. Se, amais, o traballo exhuma textos inéditos ou descoñecidos dun autor, a achega faise dobremente valiosa.
Isto é o que acontece con Bretemada, un poemario escrito polo muxián Gonzalo López Abente entre 1917 e 1922 que, por motivos non sabidos (pois parece que nalgún momento da Posguerra estivo no ánimo do autor publicalo), chegou inédito ata hoxe en forma de mecanoscrito con numerosas correccións manuscritas.
O cento de poemas que compoñen Bretemada figura dividido en seis seccións: “Nemorosa”, “Pastora”, “Guerreira”, “Principesa”, “Escrava” e “Ceiba”. Estes bloques figuran precedidos dun poema de “Adicamento” e un outro feixe de versos en forma de “Introito”. En esencia, este centenar de textos presenta a Bretemada (metonimia de Galicia) na súa loita e arela de Liberdade, na súa reafirmación no pasado histórico e a Tradición, na súa defensa da Lingua propia e os seus sinais de Identidade, amais de demorarse na loa da súa beleza etnopaisaxística.
Competentemente introducido e editado polo poeta e profesor Miro Villar —quen xa se ocupara da biobibliografía do de Muxía na Antoloxía poética que preparara en 1995 para a editorial Espiral Maior—, Bretemada é unha importante contribución ao corpus literario de Preguerra que ve agora luz grazas á cooperación da Fundación Gonzalo López Abente (fundada aínda uns meses) e Alvarellos Editora, quen engade así un título indispensable á súa meritoria colección Rescate.
[Publicado no xornal Faro de Vigo, 24-11-2011]

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.