Na gravación do programa Eirado da TVG2


Onte visitei os estudios da CRTVG en San Marcos para gravar unha entrevista. Antes só visitara estas instalacións unha única vez durante 1998 (non lembro a data con exactitude e nalgures gardo aínda un video coa gravación daquel programa). Nesa altura a Televisión de Galicia tiña na súa grella de programación un programa de debate co título «A Chave», conducido polo xornalista Tino Santiago, e eu participara nunha palestra sobre a obra de Roberto Blanco Torres, o autor que ese ano protagonizaba os estudos literarios do Día das Letras Galegas.
Desta volta retornei a San Marcos para falar durante máis ou menos dez minutos sobre Bretemada, de Gonzalo López Abente, no programa Eirado, que dirixe Pemón Bouzas. Deste programa dise na páxina da CRTVG: «En “Eirado” teñen cabida as artes plásticas, o espectáculo, o cine, as novas tecnoloxías, a literatura, a arquitectura, etc. Pemón
Bouzas é o encargado de conducir un programa cuxo nome pretende facer referencia
a un lugar de encontro, xa que eirado é unha palabra que se refire ao lugar onde as xentes das aldeas se xuntaban a iso da atardecida para comentar as tarefas do día e tamén para celebrar festas. Así pois, o programa “Eirado” é un punto de encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas».
Na sala de espera coincidín cos outros dous convidados literarios para o programa que se vai emitir o sábado 3 de decembro á medianoite na TVG2, se non me trabuco. Deste xeito coñecín persoalmente a Francisco Maseda que ía presentar o seu libro Galego de lei, sobre a figura do conde de Gondomar, e a Xosé María Gómez Clemente, presidente da Asociación de Tradutores Galegos, que ía falar sobre todo do proxecto de tradución Bivir. A verdade é que nos trataron de marabilla e falta que fai para me axudar a superar o pavor que lle teño ás cámaras, acrecentado pola forte catarreira destes días de finais de outubro. Pemón Bouzas estivo sempre a botar unha man para que todo saíse o mellor posible (xa traerei a esta bitácora o testemuño videográfico), alén de coincidir comigo no entusiasmo por este poema de López Abente que se inclúe en Bretemada.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Poesía, Presentacións, Televisión. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Na gravación do programa Eirado da TVG2

  1. Pingback: As crebas » Bretemada, no programa Eirado da TVG2

Os comentarios están pechados.