No 126 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro


Onte, 15 de xullo, desde as oito e media da tarde, participamos no acto de conmemoración do 126 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro (velaquí o programa 126_aniversario), que se celebrou na horta da Casa-Museo da Matanza, en Padrón, e que foi organizado pola Fundación Rosalía de Castro. A homenaxe comezou coa lectura do poema de Rosalía “Ladraban contra min, que camiñaba” por Ana Blanco, vicepresidenta da fundación. A seguir a benvida da presidenta, a poeta Helena Villar Janeiro, que deu paso a unha lembranza de Lois Pereiro, autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, a cargo do escritor e profesor Anxo Angueira. O director do Centro de Estudos Rosalianos, o profesor Xesús Alonso Montero, presentou o número 4 da Revista de Estudos Rosalianos, publicación coa que se agasallou aos asistentes que ateigaban en bo número o espazo singular da horta. E para rematar unha lectura de poemas de Marilar Aleixandre, Vicente Araguas, Francisco X. Fernández Naval (que preferiu ler un soneto de Víctor Campio), Chus Pato, Xosé Vázquez Pintor e eu propio (último pola rigorosa orde alfabética), todos nós participantes na colección “Poetas con Rosalía”, que edita a Fundación. Entre as diferentes partes do acto e como peche gozamos da actuación musical que xuntaba a potente e marabillosa voz de Ugia Pedreira e a guitarra de Isabel Rey.
Dos dous sonetos que se publican no volume II da colección “Poetas con Rosalía” tan só fixen a lectura de “Saudades” (ou “Saudade II” que é o seu título no libro Equinoccio de primavera), con certo apagamento na voz e non pola intimidatoria presenza de tantas autoridades (moito político había!!!), senón porque, logo da longa intervención do meu ben amado profesor Xesús Alonso Montero, fixo efecto na miña gorxa a fresca da tardiña padronesa.
SAUDADE (II)
Moitos días na ponte do Sarela
vexo partir o río e sei que o Sar
trouxo a voz e a nostalxia do alto mar.
Algúns días eu son, en Compostela,
ese río a querer rachar a trela
que me amarra na pedra e desaugar
reverberando o sol crepuscular
coma se fose o vidro da xanela.
Tamén hai días cálidos, de area
nos pés, nos que contemplo que a marea
devala, regresando. Poderosa
debe ser a chamada que a convoca.
Tamén hai algúns días que me toca
ser marea que volve a ti saudosa.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Encontros, Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.