O nariz de Fiz, recensión na revista Malasartes 18


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Nunca é tarde… Procurando outras cousas na rede descubro a existencia da revista Malasartes. Cadernos de Literatura para a Infância e a Juventude, que publica Porto Editora, na que se lle empresta moita atención crítica a moitas novidades da literatura galega infantoxuvenil. Pois ben, no seu n.º 18 (II Série), do 2009, no apartado “Recensões e notas críticas”, “Em galego”, Mar Fernández Vázquez (na altura bolseira de investigación literaria no CIRP) publica unha recensión da miña novela infantil O nariz de Fiz, ilustrada por Lola Lorente, que recibiu en 2008 o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, que convoca anualmente a Deputación de Ourense. Deseguida, con permiso da autora, reproduzo a devandita recensión.
«Recensões e Notas críticas»
O nariz de Fiz
Miro Villar (texto) / Lola Lorente ( ilustracións )
Deputación Provincial de Ourense, 2008, 117 pp. ISBN: 978-84-96503-77-9
Leitores medianos / Lectorado mozo (11-14 anos)
Cun comezo propio de historias bíblicas e da transmisión oral, e coa cita «MORALITÉ» extraída de Riquet à la houppe, de Charles Perrault, arrinca a historia de Fiz, do polifacético Miro Villar, nome literario de Arximiro Villar González (Cee, 1965), profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor, ensaísta e colaborador xornalístico. De entre a súa traxectoria pódense salientar feitos como ser membro do Batallón Literario da Costa da Morte, do Consello Editorial da colección poética «Ablativo Absoluto» de Edicións Xerais de Galicia ou do Comité de Redacción da revista Dorna. Mereceu xa diferentes galardóns en convocatorias de premios nacionais e internacionais aos que agora engade con esta obra o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil «Pura e Dora Vazquez».
Catro versos do narrador omnisciente, con estrutura consoante AABB e escritos a cor vermella, encabezan cada capítulo d’O nariz de Fiz, anunciando o seu argumento.
Fiz nace nunha aldea da montaña da Galicia interior e rural, situada preto de Vilancosta, a localidade natal do escritor estradense Marcial Valladares (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903); a nai escolle o nome de Fiz polo seu significado latino («tivo entón unha idea feliz», p. 12) ao sentir a grande acollida dos seus «afastados» veciños. Despois nárranse anecdotas da vida cotiá da «criatura máis pequerrechiña e miudiña que o labrego vira nos arredores» (pp. 9-10). Segundo se avanza na lectura descóbrese que Fiz posúe unha habelencia, pese a ser miúdo e usar anteollos, que salvará o pai do incendio do circo e os seus amigos Gustavo e Rosa de afogar na cova da serpe, onde o can Marelo tivera medo a entrar. Este «prodixio olfacto» (p. 114) xéralle o recoñecemento dos seus coñecidos, até da mestra Dona Aurora e dos «seus tradicionais inimigos, Xosé e Lois» (p. 116) que se burlaban del con «superioridade e desprezo» ( p. 62). Este prestixio quedou «na memoria da xente» (p. 114), xa que «trascendeu de boca en boca» (p. 115), e aínda se conta hoxe. Por iso, o narrador «inventa unha variante» engadindo o nome de Fiz á frase feita «dar no nariz que…», que se emprega «cando a persoa percibe un cheiro que cre poder adiviñar» (p. 116).
O xogo intertextual constitúe o recurso creativo desta novela xa que salienta a miudeza do protagonista, por exemplo cando se di «soamente personaxes de conto como o Polgarciño ou os ananos de Brancaneves gañaban en pequenotes a este cativo», (p. 10), cuxo aspecto lembra tamén a silueta de Rompetechos, do humorista gráfico Ibáñez. Miro Villar, como se pode observar, refire os contos tradicionais pero tamén os «tempos arcaicos e moi trasnoitados» (p. 59) cando a mestra castigaba batendo coa regra ou cando «daquela aínda non se inventara a televisión» (p. 116). E incluso reproduce un momento pasado da historia de Fiz cando ve o circo Magnum (pp. 49-53) e chega até o tempo actual xa que «inventa» que os monicreques de Talía Teatro representan La cabeza del dragón, de Ramón del Valle-Inclán.
Cómpre salientar que Miro Villar acerta cando nomea esta farsa que lle encargara Jacinto Benavente ao arousán para o seu proxecto «Teatro para los Niños», xa que co irónico subtítulo «Farsa infantil» pasou a integrarse en Tablado de marionetas: para educación de príncipes (1914). Tamén atina ao escoller ese fragmento que traduce da escena terceira desta farsa que contén elementos de conto de fadas pero sen fadas (príncipe, disfrazado de bufón, que loita co dragón polo amor da Infantina Branca Flor), xa que se trata dunha escena de acción tan do gusto dos nenos, e porque recomenda continuar a lectura da anacrónica farsa de «don Ramon» (pp. 79, 80, 84).
A andaina ilustrativa de Lola Lorente (Bigastro, Alacante, 1980), licenciada en Belas Artes pola Universidade de San Carlos (Alacante) e cun ciclo superior de ilustración da Escola Massana (Barcelona), comezou no Fanzine enfermo para publicar despois en revistas como por exemplo TOS, HUMO, Dos Veces Breve e NSLM. Foi merecente de premios como o IN]UVE de ilustración en 2006, ademais da nominación ao premio «Artista Revelación Español» do ano 2007. Lola Lorente fainos reparar na figura de Fiz sobre o seu nariz xa que o sitúa na contracapa e na parte inferior dereita das páxinas, en vermello e contendo o número das mesmas, con Fiz mirando cara ao texto, debuxo que tamén recorda O Principiño.
Miro Villar insire na súa novela realista elementos anacrónicos para criticar a sociedade e mais a educación de anos atrás. Subxace o seu aprecio pola tradición oral galega, a idiosincrasia da súa xente e a reivindicación do rural, nas exclamacións e opinións vertidas no transcurso da novela, desculpando a Fiz.
MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ [UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA / CENTRO RAMÓN PIÑEIRO PARA A INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES]
E nesta ligazón tamén podedes ollar as ilustracións de Lola Lorente para o libro, das que escollo esta mostra.
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Infantil, Narrativa, Recensións, Teatro. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a O nariz de Fiz, recensión na revista Malasartes 18

  1. Pingback: As crebas » Rebelión na charca, recensión de Mar Fernández Vázquez en El Correo Gallego

Os comentarios están pechados.