Casa ou sombra, de Rafa Villar, nun disco de Fía na roca


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño da carátula e no triángulo para escoitar o tema “Casa ou sombra” na páxina myspace)
Casa ou Sombra
Este domingo recibín unha chamada na que coñecín un fermoso proxecto para poñerlle música ao meu poema “Negación de Ulises e Teseo”, do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998). Non podo falar moito máis porque aínda se está a traballar na melodía, mais puiden escoitar no teléfono a primeira versión e non nego que me fai ilusión (e non por facer parte da maldita SGAE, ha, ha).
Os versos dos poetas da Costa da Morte non se pode dicir que tivesen excesiva fortuna á hora de serviren como letras de cancións. O noso poeta maior, Eduardo Pondal, xa foi musicado en varias ocasións (algunhas desas composicións están recollidas nesa magnífica bitácora que é sondepoetas), e tamén o foi Antón Zapata García, do que Suso Vaamonde musicou o poema “O cantar de Mari-Pepa” nun dobre disco de cancións infantís intitulado “Rapazas, rapaces e rapazadas” (1997). E non hai moito tempo, en 2008, o grupo Fía na Roca (que vén de anunciar unha pausa na súa longa traxectoria) no seu penúltimo disco “Vente vindo” (2007) creou un tema chamado “Casa ou sombra”, baseado en versos do poemario do mesmo título do meu irmán Rafa Villar, editado por Xerais en 1997, cando gañou o premio de poesía Cómaros Verdes de Vilagarcía da Arousa, que levaba o nome do magnífico poemario de Aquilino Iglesia Alvariño. Os versos de Rafa non teñen a mesma disposición no libro, xa que foron adaptados polos integrantes do grupo Giao Rodrigues e Xosé Ramón Vázquez e están cantados pola voz de Sonia Lebedynski. O tema ten unha duración:4:58 e a súa letra (que reconverte os versos de Rafa) no disco aparece como “Tradicional Galega”. Deste xeito a poesía de meu irmán Rafa xa fai parte da nosa tradición. Velaquí a letra da canción:
CASA OU SOMBRA
Os meus restos son a casa
sombra dos días que andei
orientada no inverno
fende o mar ao que falei
Ningunha rosa do xardín
recoñece o meu silencio
e a chuvia nos cristais
só era chuvia de Setembro
É a rutina de minutos
minutos que imitan horas
tanta distancia como mar
desde a casa a túa boca
O tempo esculpe silencios
nas portas non hai olladas
en que mar hai saudade?
e ás miñas costas, a casa
As chaves gardan a casa
soterradas na memoria
dedos que baten na porta
como ruínas que me rozan
Da casa, un día nada
nen poemas, nen estrofas
nen ese bico tan longo
que ocupaba a boca toda
Casa ou sombra!
Casa ou sombra!

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Casa ou sombra, de Rafa Villar, nun disco de Fía na roca

  1. Seguiremos con moita atención o proxecto musical que anuncias. Seguro que nos darás máis información nesta magnífica bitácora cando se vaia concretando. Grazas polas referencias e pola cita.

  2. Pingback: As crebas » «Vaticinio», versos de Memoria de Ahab de Rafa Villar nun disco de Xardín Desordenado

  3. Pingback: As crebas » «Negación de Ulises e Teseo», un poema nas partituras de Miguel Brotóns

Os comentarios están pechados.