Un poeta que permanecía esquecido no faiado das nosas letras, un artigo de Manuel Vilar


O antropólogo muxián, e vello amigo, Manuel Vilar publica no dixital terraetempo un interesante artigo sobre a recuperación de Gonzalo López Abente. Manuel Vilar foi, hai xa ben anos disto, quen me levou ao interese pola obra do poeta muxián e quen me convenceu para facer un estudo e compilar os versos naquela Antoloxía poética (Espiral Maior, 1995), que saíu publicada por vontade do naquela altura alcalde de Muxía, o nacionalista Bautista Pose Paz.
Deseguida reproducimos por completo o seu texto.
Un poeta que permanecía esquecido no faiado das nosas letras
Recuperando un dos nosos clásicos: Gonzalo López Abente

De neno, supoño que como todos os nenos, gustábame revolver nos armarios e caixóns á descuberta de cousas, especialmente aquelas que tiñan letras. Lembro ben un día que subín ao faiado da casa labrega dos meus avós paternos, en Caberta, e vin alí un libro de poemas de Gonzalo López Abente, Escumas da Ribeira. Para min foi unha descuberta sorprendente e gárdoo como o trigo da semente, por dicilo en frase labrega xa fóra de uso.
Gonzalo López Abente é un poeta que permanecía esquecido no faiado das nosas letras. As circunstancias da vida levárono a se recluír na súa vila natal, en Muxía, despois de rematados os estudos en Compostela. Un vello muxián contárame hai anos, nos meus tempos de estudante, como era a viaxe a cabalo desta xente desde Muxía a Compostela e como unha vez estando comendo no lugar de San Martiño de Fontecada (Santa Comba), ─ aquí facían unha parada a medio camiño para xantar e, despois, as mulleres collían cara a Noia, onde estudaban internas nun colexio de monxas, mentres os homes seguían cara a Compostela a estudar na Universidade─, e á sombra dunhas árbores, chegou un labrego cun machado e díxolles que se ergueran do sitio que ía cortalas. Entón o pai do noso poeta seica lle pediu que os deixara rematar de comer, pero o home tiña présa. O pai negociou entón a compra das árbores coa condición que non as cortase e eles poder así seguir facendo sempre esa parada precisa no seu percorrido cara a Compostela baixo a súa sombra.
Seguramente a estadía constante de Gonzalo López Abente en Muxía incidiu na difusión e recepción da súa obra, pese a que publicou sete libros de poesía, catro de narrativa, un de teatro e moitas colaboracións en diverso medios, como A Nosa Terra, e, especialmente, en varias publicacións da emigración. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, no que entrou facendo unha lectura de poemas do seu libro D´Outono, pero nunca foi un membro activo do mesmo. Unha vez pregunteille a don Antonio Fraguas por el no SEG, e dixérame que o recordaba ver nalgunhas xuntanzas, pero sempre sentado na última fila e sempre calado. Mais si tiña participado noutras angueiras colectivas dun xeito máis activo, como nas Irmandades da Fala ou na campaña a prol do Estatuto. Nunca ocupou cargos, agás presidente da Asociación de Escritores de Galiza (1936) ou xuíz municipal, cargo que desempeñou accidentalmente e no que se deu de alta en xuño de 1936 para mandar deter a un coñecido activista fascista, Puertas Lastre, posteriormente involucrado na cruenta represión. Despois da guerra civil entrará na Real Academia Galega, cun discurso sobre a obra de Pondal, e no 1971 dedícanlle o día das letras.
Pero para nós Abente é un clásico, un autor ao que volvemos de vez en cando na busca das paisaxes da nosa memoria, das palabras que se perderon, da sabedoría dos devanceiros, do amor polo propio. Sen a súa obra, e sen a de outros coma el, a nosa cultura non estaría onde está agora e nós non seríamos o que somos. E como todo autor clásico forma parte da nosa herdanza cultural, fálanos do amor pola súa terra, da loita pola súa dignificación, pola súa defensa e defensa do noso idioma co que sempre estivo comprometido. A excepción está na súa mocidade, cando publicou uns poucos poemas en castelán no xornal El Celta, que se facía en Corcubión a comezos do século pasado. A el tamén se lle atribúe un folletiño titulado Visita apostólica de San Pedro a los curas del distrito de Mugía. O folleto, impreso nunha imprenta madrileña en 1904, é unha crítica aos cregos muxiáns que aínda hoxe poderíamos asinar. Naqueles tempos os Abentes militaban no bando que intentaba traer novos aires á vida pública e rachar coa situación caciquil e inmobilista que asentaba as súas bases en estruturas do antigo réxime. Por iso aos cregos non lles era unha persoa agradable e contaban os vellos muxiáns que o párroco de Morquintián (outro párroco desta parroquia encabezara antes a loita contra o invasor francés nas terras de Nemancos) encargoulle a un muxián que o matase, pero na cea onde ía cometerse o crime, e no momento no que o presunto asasino sacaba o coitelo, alguén deulle un golpe ao quinqué e o encargado de acoitelalo escapou e non parou seica até chegar á Habana. Eran anos convulsivos en Muxía, como o mostran a eleccións de 1905.
Sacando estes titubeos xuvenís, despois o seu compromiso co idioma foi constante. Así, en 1921, publica no xornal Nerio, de Corcubión, un artigo sobre Muxía que empeza desta maneira: “Ao falar d´este meu vello e querido pobo, coido sería ridículo o facelo n-outra fala que non fose a mesma d´el, a que cai de seu aquí, a que de cote lle sirveu para as súas necesidades. A fala mimosa na que Rosalía cantou a súa sonada romaxe da Barca, e Pondal as súas melancólicas paisaxes e brancas areas. A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, i-esquecid-as máis, por fillos inconscientes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra â vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca”. Máis de sesenta anos despois utilizamos este texto para iniciar en Muxía a andaina dunha pequena publicación que tiña por nome o título dun dos seus libros.
Se lemos a Abente estaremos camiñando polas páxinas da nosa historia, percorreremos o noso territorio cunha guía excelente, descubrindo as vellas gándaras, agora comestas polo abandono e os eucaliptos, descubrindo os vellos topónimos xa esquecidos, ─o poeta dinos que naceu no Cabo da Grixa, moita xente hoxe en Muxía non identifica xa este lugar do casco urbano─, estaremos descubrindo a paisaxe coas xentes que a construíron e entrando no imaxinario das mesmas.
A lectura de Abente, como a de calquera outro clásico, non é unha ollada cara ao pasado, senón un exercicio para entender o presente e ter un referente firme ao que agarrarnos para mirar decididamente ao futuro; tamén algo educativo para as xeracións novas. E como todo clásico, tamén nos ensina a vivir como galegos, anímanos a traballa para sermos cidadáns libres na nosa propia patria, fálanos de angueiras comúns fronte ao dominante arribismo de hoxe en día. Eles son a supervivenza da derrota do efémero, falan da pervivenza de nós. A súa obra é unha árbore de profundas raíces na terra no medio dunha carballeira demoucada.
Nós somos galegos tamén polo coñecemento que temos da nosa cultura, polo coñecemento que temos dos nosos clásicos. Os clásicos lévannos máis alá do presente, do banal e do breve, tan de moda agora.
E como dixera Italo Calvino: ler aos clásicos é mellor que non lelos.

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua, Poesía, Presentacións, Recensións. Garda a ligazón permanente.