A nosa viaxe a Cornualles na crónica de Xosé María Lema Suárez, presidente do Seminario de Estudos Comarcais


(Mar no megálito de Men-An-Tol. Foto da nosa autoría, premer para agrandar o tamaño. Lema Suárez dinos: “O megálito de Men‐An‐Tol ten un total de catro pedras: dúas verticais, unha circular cun burato no medio e outra tirada no chan. O monumento xa era coñecido no séc. XVIII. A circular vén sendo o equivalente á nosa Pedra dos Cadrís de Muxía, pois tamén ten propiedades curadoras, segundo a tradición: levábanse os nenos con raquitismo para facelos pasar polo seu burato; seica tamén tiña propiedades adiviñatorias”).
Os nosos parabéns ao presidente do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), Xosé María Lema Suárez, que cumpriu a súa promesa de escribir unha crónica da nosa viaxe a Cornualles. Con profusión de detalles, realizou unha áxil narración do noso percurso polas terras córnicas que principia desta maneira:
Excursión do Seminario de Estudos Comarcais a Stonehenge, Bath e Cornualles (Gran Bretaña) (22-28 de agosto 2011)
Seguindo co noso programa Na ruta do Megalitismo atlántico, o Seminario de Estudos Comarcais organizou unha viaxe ó sur da Gran Bretaña para visitar o crómlech de Stonehenge, a cidade de Bath e a nación celta de Cornualles, a fisterra da illa de Gran Bretaña, coas puntas de Land’s End (a máis occidental) e a de Lizard (a máis meridional) como obxectivos derradeiros. Como ben se sabe, ós membros do Seminario non só nos move o interese polo coñecemento do megalitismo atlántico para comparalo co noso, senón que tamén que sentimos a atracción polas fisterras, de Europa e de todo o mundo. No ano 2007 o Seminario, xunto co Departamento de Prehistoria e Historia Antiga da Universidade de Santiago (USC), que dirixe o Prof. Dr. Antón Rodríguez Casal, organizáramos unha produtiva viaxe a Bretaña francesa, onde tivemos o privilexio de ter como guía ó Prof. Dr. Charles-Tanguy Le Roux, unha das grandes figuras da arqueoloxía bretoa e francesa. En 2008 foramos ó Alentejo portugués na procura de megálitos, dirixidos pola Prof. Dra. portuguesa Goreti Sousa.
A viaxe que realizamos do 22 ó 28 de agosto de 2011 foi planificado con rigorosidade polo vicepresidente do Seminario, Manuel Vilar Álvarez, historiador e antropólogo, bo coñecedor do territorio córnico (e británico en xeral), pois xa o visitara en anos anteriores. Deste xeito, volvemos ter unha vez máis un excelente guía, pois Manuel tamén exerceu de tradutor cando foi preciso, xunto con outros membros da excursión. En total fomos 37 excursionistas, procedentes non só das comarcas da Costa da Morte (unhas 17 ou 18 persoas), senón da Coruña e da provincia de Pontevedra.
(A crónica completa pódese ler nesta ligazón, que tarda un chisco en cargar porque é un documento de moitas páxinas e que engade numerosas imaxes)

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Lingua, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A nosa viaxe a Cornualles na crónica de Xosé María Lema Suárez, presidente do Seminario de Estudos Comarcais

  1. Pingback: As crebas » Poemas (XLV): «The Mine», de John Harris

Os comentarios están pechados.