O herdo de Cunqueiro (tamén na miña obra)


Estes días está a celebrarse o congreso “Mil e un Cunqueiros” organizado polo Consello da Cultura Galega e mais as tres universidades galegas, e os relatorios tentan botar luz e novas olladas sobre a súa inmensa figura literaria, aínda que de certo pasaron moi por riba polo compromiso falanxista do escritor, unha enorme lousa que ensombrece ao que é un dos nosos mellores autores na literatura do XX. Non me foi posible estar entre os asistentes ao congreso, mais veño de ler no portal culturagalega.org que, entre as moitas outras cuestións que se tratan nestas xornadas, está tamén a do herdo que o mindoniense deixou nas nosas letras. No resumo que nos ofrecen interesoume de maneira especial a contribución de Xosé Mª Álvarez Cáccamo para explicar a pegada poética de Álvaro Cunqueiro. Haberá que ler polo miúdo a súa intervención no momento de se publicaren as actas. En calquera caso, mentres lía a síntese do relatorio de Pepe Cáccamo matinei na presenza de Cunqueiro na miña propia obra. Lembro facer a súa lectura con devoción, como lle aconteceu a moitos poetas dos oitenta e dos noventa, porén nunca citei ningún dos seus versos nun poema meu, aínda que o seu nome ecoa neste soneto do meu libro Ausencias pretéritas (1992), que pertence á terceira parte intitulada “De ti e das palabras”, e que principia sempre cada estrofa co verso de Bernal de Bonaval, un dos segreis ou trobadores medievais que se adoitan relacionar con Compostela. Despois, como galano, tamén tedes a cantiga medieval cantada polo berciano Amancio Prada.
I
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten unha palidez de intensidade
límite no solsticio da cidade
das augustas murallas derredor.
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten un albo clarón de divindade
de crentes en xaxún de antiga idade,
deserto, tribo nómada e calor.
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten maxia e ten tesouros, di Cunqueiro
e aos libros de don Álvaro remito.
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten sinal de meigallo feiticeiro,
nome supersticioso, moito mito.

Esta entrada foi publicada en Congresos, Estudos literarios, Lendas e mitos, Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a O herdo de Cunqueiro (tamén na miña obra)

  1. Pingback: As crebas » Repertorio das Cantigas Medievais Galego-Portuguesas

  2. Pingback: As crebas » No centenario de Álvaro Cunqueiro: O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca

Os comentarios están pechados.