Exposición de homenaxe ao pintor e escultor vimiancés Antón Mouzo Lavandeira (1957-2007)


O novo goberno do Concello de Vimianzo, que preside o nacionalista Manuel Antelo, organizou unha serie de actos e unha mostra antolóxica (que se pode visitar até o 16 de decembro na Casa da Cultura) como homenaxe ao pintor e escultor vimiancés Antón Mouzo Lavandeira (1957-2007). Non tiven oportunidade de o coñecer persoalmente, malia coincidirmos nalgún acto público, porén sempre me interesou a súa obra. Tanto é así que no ano 2003 na exposición colectiva “Botella ao mar”, celebrada no Auditorio de Galicia, destinada a recadar fondos para a plataforma Nunca Máis, poxei polo cadro de Antón que teño na miña casa. Trátase dunha composición de cunchas e outros materiais sedimentarios na que, ollada dende lonxe, podemos ler o lema Nunca Máis. De Antón Mouzo sempre me gustou a súa relación cos escritores. Velaquí unha listaxe de obras literarias que levan a súa man na portada ou tamén en ilustracións interiores: Costa da Morte Blues, de Manuel Rivas; ilustracións para os textos de Miguel Anxo Fernán-Vello “A lua gris de Xan Cidadán” (A Nosa Terra, do 3 ao 9 de Decembro de 1981) e “A Florvenusta” (A Nosa Terra, do 4 ao 10 de Marzo de 1983); portada para A Lición de Eugène Ionesco, tradución de Francisco Pillado Mayor, Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 87; ilustración para “Mar da Costa da Morte” de Rafael Lema, en Bravú, nº 4. 1997; ilustracion para “Poemas de Xesús Pisón” en Luzes de Galiza, nº1 Novembro 1985; ilustración para “Muxía: a cidade do mar no pais do vento” de Rivadulla Corcón, en Luzes de Galicia, nº 10/11. Primavera 1988; ilustracións para “O´Xestal” e “O home a quen o mar chamou a porta da sua casa” de Manuel O´Rivas. / “Poetas da Costa da Morte”, en Luzes de Galicia, nº 19/20. Verán 1992; ilustración para “Lascas” de Luis Rei Núñez, en Escrita, nº6, Verán 1985: portada e ilustracións para o libro Imán Fisterra, de Luis Rei Núñez; portadas para os libros de poesia, Setembro Stradivarius e Epicentro de Manuel Álvarez Torneiro; ilustración para “Cando chorou Charo” de Manuel Rivas, en Relatos e debuxos de verán, O Correo Galego, 21-07-97; ilustración para “Catedral virtual” de Antón Reixa, Voces de Compostela, nº 19 Consorcio de Santiago, 1993; ilustración para Os Faros da Costa da Morte, de Xosé Mª Lema Suárez e Manuel Vilar Álvarez, 2001, e portada e ilustracións para o libro de poemas Alaridos de Lino Braxe, 2006. Finalmente, aquí tedes un poema de homenaxe que lle escribiu Manuel Rivas.
As botas de Antón Mouzo
As botas de Antón Mouzo son de buxo.
O buxo medra canda a estatura do home
que o plantou.
Se el chega a vello, o buxo terá o largo do ataúde
e o grosor no toro do pulso do morto.
Por iso xa case ninguén planta buxos en Galicia.
Porque os buxos aliméntanse do esterco do
tempo perdido
e requiren unha terra que endexamais teña prezo
o equivalente á sombra dun reloxo de pedra.
Co buxo facíanse punteiros de gaita,
fusos e lanzadeiras do tear
e tamén cabaliños de xoguete.
Esas formas eran, para o buxo,
unha segunda existencia,
pois medraba no vento, no lenzo e nos soños
do xinete da infancia.
Un buxo cortado sen destino
semella unha extremidade serrada,
transmite a dor fantasma da amputación.
Foi así como o encontrou Antón Mouzo.
El tiña a memoria das botas do pai.
Gracias a aquel recordo,
o pai seguía a andar polos carreiros de Soneira.
Subía coas botas ao monte Faro
e arreglaba o repetidor de tv.
O pai devolvía as imaxes á pantalla,
enchía a fiestra escura e fría
daquel tempo innombrable.
Antón reconstruíu coas pernas do buxo
as botas andarinas do pai.
E como diría o carpinteiro Geppetto,
feitas están coa mellor madeira da humanidade.
Manuel Rivas, Irroa, Outono, 1998.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Exposicións, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Exposición de homenaxe ao pintor e escultor vimiancés Antón Mouzo Lavandeira (1957-2007)

  1. Pingback: As crebas » Xurxo Martiño, nova exposición en Vimianzo

Os comentarios están pechados.