Vídeo do poema «as sabas a clareo», na Horta das Chas, o espazo alternativo de Chan da Pólvora

Incorporo a estas crebas o vídeo do poema «as sabas a clareo», un dos textos lidos na Horta das Chas, o espazo alternativo de Chan da Pólvora, nunha lectura que inaugurou o almacén como lugar para os versos.

A gravación deste poema, e dos outros, débolla ao caro amigo Xoán Carlos Rodríguez Pérez, infatigable activista literario e “reporteiro”. Agradézolle a súa achega e estimo tamén a presenza das amizades que nos acompañaron. Na fotografía realiza a presentación o poeta, narrador e editor Antón Lopo, a quen lle agradezo o convite para voltar á lectura pública despois de moito tempo de ausencia, agás nos roteiros literarios do CAFI.

as sabas a clareo

Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos e segues os consellos que escoitaches da nai para a roupa encoirada, darlle xabón lagarto e logo deitar na herba as sabas a clareo.

Agardas unha tarde, non de sol formigueiro, de sol de primavera nunha herba soalleira e deitas os recordos de manchas amarelas, prendidos entre as sabas como piolla vella.

E observas con asombro que a túa nai coñece os segredos da vida e agora no tendal penduras a memoria branca e o seu recendo asolaga os recantos dos teus espazos íntimos.

Publicado en Gravacións, Poesía | Deixa un comentario

Lectura de poemas na Horta das Chas, o espazo alternativo de Chan da Pólvora

Publicado en Memoria Literaria, Poesía | Deixa un comentario

«Viaxe de Rens a Reus. Á busca do románico catalán: As crónicas do xornalista e viaxeiro Xosé Ameixeiras»

(As fotografías que ilustran esta anotación son de autoría propia, agás esta do grupo de Xosé Ameixeiras)

Logo duns anos de ausencia reincorporámonos ás xeiras viaxeiras. «Viaxe de Rens a Reus. Á busca do románico catalán», foi o título desta nova xeira anual organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SemEsCom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, coa sempre axeitada e eficiente organización de Chus Barbeira Pose, que desta volta nos levou a viaxar entre os días 18 e 27 de agosto por terras catalás, maiormente, na procura de coñecermos unha parte significativa do románico, aínda que non só.

Deseguida reproduzo as sempre interesantes e completas crónicas das xornadas desta nosa viaxe cultural, asinadas co pseudónimo A. Lavandeira e escrita por un dos viaxeiros, o xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia. Velaquí os textos, que tamén se pode ler no orixinal premendo nas dúas seguintes ligazóns:

Primeira parte

Segunda parte

Da Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea

O Seminario de Estudos Comarcais fai unha nova viaxe cultural e formativa na procura do románico catalán

A. Lavandeira. 22 agosto 2022

Dende a Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea é a nova viaxe da aula rodante do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), na que participan medio cento de persoas, a meirande parte delas profesionais do ensino. Uns percorridos que recuperaron a normalidade tralas limitacións da pandemia do covid. «A busca do románico catalán» titula o Semescom a súa aventura.

O percorrido comezou o xoves 17, no autobús de Lázara, guiado coma sempre por Pablo Bustelo, de gran experiencia en viaxes de tipo cultural. A primeira parada deste periplo tivo lugar en Urueña (Valladolid), conxunto histórico artístico dende 1975 e que goza do título de Vila do Libro. Esta pequena cidade rodeada de murallas do século XIII, cun castelo do XI e cun centro dedicado Miguel Delibes foi a elexida para xantar. Valladolid converteuse no lugar da pernocta inaugural con percorrido e visitas, entre outros lugares, ao Museo Arqueolóxico.

Virían logo na mañá do venres as primeiras aulas rodantes, a cargo do presidente do Semescom, Xosé María Lema, autor da guía histórica da viaxe; Xela Cid, que disertou sobre ríos, ecosistemas e flora do Ebro e outros cauces incluídos na guía, que elaborou Chus Barbeira, tamén responsable da organización do percorrido. Mentres o autobús avanzaba no medio dun mar de viñas de Vega Sicilia (e outras bodegas de Ribera del Duero), o latinista Pepe Carballude abordou a vida e obra de autores nacidos no territorio do itinerario e que foron grandes persoeiros da vida cultural e literaria de Roma, Quintiliano a Marcial, natural da cidade agora aragonesa Bílbilis. A pesares de que os temas poidan semellar áridos, a verdade é que son amenos.

Pablo Sanmartín, secretario de A Rula, tratou sobre o románico e dos moitos mosteiros cistercenses, obxecto case principal da viaxe. Pola súa banda, Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitou a proximidade de Calatayud para abordar a relación desta cidade con Muxía e o consumo de congro procedente dos secadoiros da vila da Barca. Esta actividade artesanal con máis de 500 anos de historia vai desaparecer por culpa das normativas sanitarias e a conseguinte aplicación dunha multa por parte de Sanidade ao último produtor.

Antón Losada, profesor carballés, disertou sobre os aspectos xeográficos da área de incursión, e nos vindeiros días haberá máis participantes neste intercambio de saberes.

En San Esteban de Gormaz, terra de aventuras do Cid, o Douro baixa recollido e silencioso por debaixo dunha ponte romana. O venres, nunha viaxe entre pobos torrados con pouso histórico e restos de castelos e igrexas cargadas de séculos e ríos con augas entre grises e verdes, tivo lugar a primeira visita a un convento, o Monasterio de Piedra, na provincia de Zaragoza. Un vello cenobio reconvertido en parte en establecemento hostaleiro e rodeado dunha natureza moi vizosa, con moitas fervenzas, pasadizos con escaleiras e pequenos túneles que mesmo semella máis froito da fantasía ca da realidade.

En Lleida, lugar da segunda pernocta, os viaxeiros buscaron, como xa tiña explicado Lema Suárez, unha das tres representacións medievais da Traslatio de Santiago, semellante á do pórtico sur da igrexa de Cereixo, e que está nun capitel do claustro da Seu Vella. O sábado houbo visitas aos mosteiros de Poblet, Patrimonio Mundial da Humanidade, e Santa María de Santes Creus. Un verdadeiro mergullo, moi detido e profundo, no nacemento no século XII destes conventos cistercenses e a súa importancia histórica, relixiosa, social, cultural, económica e política. Ámbolos dous acollen tumbas dos reis de Aragón e Cataluña. Os monarcas favoreceron estas institucións, que acadaron grandes dimensións en moitos aspectos, tamén no interese arquitectónico. No medio houbo unha parada para xantar na vila medieval de Montblanc, onde hai unha inscrición en latín que vén a dicir que os monumentos de Montblanc ensinan a grandeza deste lugar. Quedan, ata o día 27, outros moitos mosteiros por ver e examinar e tamén por ir a Cabo de Creus, a Fisterra mediterránea.

Unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media

AS AULAS RODANTES DO SEMESCOM | O Seminario de Estudos Comarcais puxo fin o sábado a un longo percorrido polo románico catalán e aragonés

A. Lavandeira. Carballo / La Voz 29 agosto 2022

O Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) rematou o sábado unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media, concretada en 17 grandes conxuntos románicos de Cataluña, Aragón e Navarra, algúns deles sitios declarados patrimonio da humanidade. Foi un intenso e profundo percorrido por mosteiros, igrexas, catedrais, castelos e conxuntos históricos profusamente explicados por varios disertadores e guías que converteron as aulas rodantes da entidade nunha especie de intenso minimáster. Completarase o 15 de outubro coa visita a varios templos románicos da Costa da Morte, en concreto polos que dan á ría de Camariñas e Muxóia.

Claustros, ábsidas, arcos, criptas, torres, campanarios, capiteis, crismóns, murallas… Cada elemento arquitectónico ou decorativo recibiu a súa análise correspondente. E así en cada parada. Ademais das sistemáticas introducións históricas de Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, Pablo Sanmartín, secretario da Rula, debullaba cada elemento construtivo, así como a historia dos mosteiros —moitos deles da orde de cistercense— de gran implantación na comunidade catalá. Santa María de Poblet, Santa María des Santes Creus, La Seu Vella, Vallbona de les Monges, San Pere el Gros, Santa María de Ripoll, Girona, Sant Pere de Besalú, catedral de La Seu d’ Urgell, San Joan de Boí, Santa María e San Climent de Taüll, o castelo de Loarre e Leyre.

Pero non só de románico gozaron os viaxantes do Semescom. O seu periplo tivo unha estación de parada no parque natural de la Garrotxa, con camiñada de acceso ao volcán de Santa Margarida. No seu cráter tamén hai unha capela. Xela Cid, que se mantivo moi activa e foi unha das grandes animadoras da aula rodante, Manuel Chouza e o profesor carballés Antón Losada explicaron profusamente os fenómenos causantes das trinta erupcións durante a historia xeolóxica catalá. En Castellfollit de la Roca, o grupo do Semescom puido admirar as casas colgadas.

Pablo Bustelo, ao fronte do seu vehículo de Autocares de Santiago —que como dixo o poeta Miro Villar vai levando a silueta da catedral de Compostela por Europa adiante—, avanzaba, ás veces, entre montañas vestidas de verde vizoso con curutos alopécicos, e outras, por vales milleirais xa logrados, froiteiras e campos de xirasois. E houbo visita a Cadaqués e ao territorio artístico de Dalí. Ata alguén puido mollarse no Mediterráneo e apreciar a inmensidade da Fisterra oriental á beira do Cabo de Creus.

Non estivo a viaxe exenta de anécdotas e momentos lúdicos. Mesmo no bus hai espazos para o humor. E dá moita tranquilidade viaxar cun médico a bordo. Xan Fernández Garrido atende as incidencias dos pasaxeiros e mesmo de quen se encontre polo camiño. De feito, na torre da igrexa de Sant Joan de Boí atendeu a unha moza que non coñecía de nada que se mancara ao caer polas escaleiras da torre medieval e sufrira unha forte ferida e máis mareos.

En Ampurias correspondeu inmersión no mundo romano e grego, coa conseguinte explicación do latinista Pepe Carballude, quen tamén amosou a vertente lúdica do medievo, con creacións literarias invitando a vivir e a beber. «Cando estamos na taberna non pensamos na terra (morte)», reza unha das estrofas de Carmina Burana.

Camiño dos Pireneos, Rosa García Vilariño tratou na súa quenda sobre as relacións da Xeración Nós con Cataluña e os poetas galegos traducidos á «llengua». Penas Patiño, pola súa banda, disertou apaixonadamente sobre a fauna pirenaica. Tamén contou que agora viñan grandes momentos para observación da migración de aves dende Touriñán. O bus seguía agora por estradas en forma de serpe, entre vagoadas profundas, con vistas a altas montañas adornadas con freixos, faias, pinos silvestres… En fin, unha pantalla verde de inmensas tonalidades. A cada curva, os Pireneos ofrecían unha estampa diferente e o sol reflectido nas súas calvas daba un brillo intenso. Foi neste senso unha viaxe de grandes contrastes, onde se pasou de pobos colgados nas montañas con castelos vencidos polo tempo e montes espidos a vales formados por glaciares. As pistas de esquí están agora ermas.

Traducidos ao catalán

A última charla impartiuna Miro Villar, que lembrou aos poetas da Costa da Morte traducidos ao catalán, Antón Zapata e Gonzalo López Abente, e a influencia de Eduardo Pondal en Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Na última xornada houbo un recoñecemento á equipa formada por Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo polos dez anos seguidos (a excepción do 2020 pola pandemia) que levan organizando esta xeira de viaxes formativas, que tiveron o seu comezo no 2004 co congreso sobre o megalitismo. Antes houbo outros percorridos formativos do Semescom, pero desde o 2012 están as mesmas persoas ao fronte desta aventura chea de saberes.

Publicado en Arte, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Lingua, Roteiros, Tradicións | Deixa un comentario

Recensión a Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro, de Mercedes Espiño, en Grial 234

No último número, 234 (abril, maio e xuño do 2022) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Tras os pasos de Rosalía», unha recensión ao estudo literario Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro, da autoría de Mercedes Espiño, publicación auspiciada pola A.C. O Galo en colaboración co Concello de Santiago de Compostela.

Este número 234 centra os seus contidos monográficos na análise «Quen desafía o patriarcado? Respostas violentas e contraargumentos», cuxa introdución intitulada «Xénero e violencia» asinan Inma López Silva e Álex Alonso Nogueira, para daren paso aos artigos «Que lexitima o discurso violento», de Carme Adán; «A lingua, a violencia e a común fraxilidade», de Rexina Vega; «Habelxs, hainxs: a visibilidade dos xéneros e sexualidades non normativos na literatura», de Danny Barreto e «Desigualdade e violencia sobre a muller: o eterno debate», de Paz Filgueira.

Na sección «Temas do noso tempo» aparecen os artigos «A crise ucraína e a paz perpetua», de Xoán Hermida e «Os mapas imaxinarios e a Ucraína real», de Briaxis Fernández Méndez.

Na sección «Ciencia e Técnica» o texto «O Gabinete de Historia Natural da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago da USC», que asina Francisco J. Leonardo Docanto e na sección «Economía e medio ambiente» o artigo «Os efectos da transición enerxética. O caso das Pontes de García Rodríguez», de Fernando González Laxe.

A seguir na sección «Documentos» Henrique Monteagudo asina a achega «Inédito de Castelao (1943?)». E na sección «Historia e memoria» publícase o artigo «Feniciopúnicos no noroeste de Iberia. As illas do estaño», de Javier Rodríguez Corral.

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Javier Fraiz, e a poética uns textos inéditos da autoría de Lúa Mosquetera.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «Ofrenda floral ao autor de Longa noite de pedra», que asina Xosé Manuel Dasilva; «O mestre e Margarida. Autorreferencia e subversión no Fausto da URSS», da autoría de Iago Codesido e «A dobre cara do destino: as irmás Casares no devir do exilio», de Inmaculada Real López.

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Viena. Por Ucraína libre», de Carlos Penela.

A maiores na sección «Feminismos» escriben Sabela Pérez Martín sobre «A violencia machista institucioanl en Galicia» e Amara García Adán sobre «Xustiza ou verdade?».

Pecha o volume a sección «Debates» co texto «A negación da razón produce monstros» que asina Luca Chao.

Velaquí o contido da miña recensión.

Tras os pasos de Rosalía

Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro

Mercedes Espiño

A.C. O Galo / Concello de Santiago de Compostela, 190 páxinas

Sesenta anos, desde a súa fundación en 1961, celebra de existencia a compostelá A.C. O Galo, entidade que neste longo período atravesou diferentes etapas que condicionaron a súa presenza e a súa actividade pública.

A asociación, co patrocinio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, vén de publicar unha obra da profesora Mercedes Espiño que leva ao papel unha proposta dun interesante e suxestivo roteiro literario baseado nos espazos biográficos e literarios composteláns da escritora Rosalía de Castro, que xa se levou á práctica quer pola propia entidade cultural quer polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) nunha xeira dirixida ao profesorado. De feito o seu Asesor, Xoán Carlos Rodríguez, dinamizador de ducias de roteiros literarios nos últimos cursos, explica de xeito diáfano na lapela a súa orixe e a súa definición actual, coma un novo xeito de nos aproximar ás obras de creación e remata: “Grazas a eles é posible vincular obras, autores ou xeracións a determinados lugares: A Terra Chá e Manuel María, Dublín e Joyce, O Courel e Novoneyra, Praga e Kafka, Rianxo e Manuel Antonio, París e Víctor Hugo, Mondoñedo e Cunqueiro, Madrid e Galdós, Ourense e a Xeración Nós, Soria e Antonio Machado, Rosalía e Compostela etc.”

Alén da presentación da propia A.C. O Galo, a obra inclúe un Limiar asinado por Francisco Rodríguez Sánchez, autor de varias aproximacións interpretativas á obra e á vida da poeta como Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe) (A Coruña: AS-PG, 2011), que resume o estado da cuestión en once páxinas de asisada contextualización historiográfica ao tempo que saúda a aparición deste volume pois “Este Roteiro de Rosalía, que Mercedes Espiño elaborou con tanta información e rigor, e con tanto convencemento da súa utilidade práctica, define un itinerario vital, artístico, filosófico e moral, sustentado nos textos literarios da escritora, que á vez iluminan, de forma orixinal e co seu trasfondo histórico ou biográfico, sucesos, personaxes, lugares e monumentos da cidade. Compostela estaba unida a ela por emocións e lembranzas ambivalente e contraditorias”.

Xa metidos en fariña, Mercedes Espiño deseñou un itinerario de 22 puntos guiado non por cuestións cronolóxicas na biografía rosaliá senón pola evidente practicidade á hora de desenvolver unha andaina que permita achegarse sen desvíos a cada lugar de parada, arrincando primeiro no mosteiro de Conxo e na antiga estación de Cornes, antes de se dirixir ao monumentos a Rosalía na Praza de Vigo (onde estaba a desaparecida casa natal e que daquela era aínda concello de Conxo anexionado por Santiago en 1925) e na carballeira de San Lourenzo e ir camiñando cara á cidade vella, entremurallas, onde decorrerán a maior parte dos escenarios suxeridos para encontrármonos coa pegada vivencial da poeta. Esa propositada non adecuación cronolóxica dos espazos fai que até o punto 13 non nos poidamos achegar até a capela do Hospital Real (hoxe parador do Hostal dos RRCC), pois este lugar está próximo á catedral compostelá onde se suxiren lecturas importantes como os seus poemas “Santa Escolástica” (En las orillas del Sar) e “Na catedral” (Follas Novas).

Un mapa da situación dos puntos no rueiro actual, deseñado por Xoán Carlos Rodríguez, e unha cronobiografía rosaliá que sitúa a escritora en todas as vilas e cidades nas que viviu ou viaxes máis ou menos coñecidas, como a realizada á romaría da Barca en Muxía convidada por Eduarda Pondal ou aos baños de Caldas, permiten adquirir unha noción de ave inqueda, case sempre por mor das dificultades económicas, de Rosalía e do seu matrimonio co historiador Manuel Murguía. Son dez páxinas que resumen a erudición sobre as xeografías literarias rosaliás non só na cidade compostelá.

Deseguida os 22 capítulos teñen unha estrutura semellante, xa que levan coma epígrafe a numeración actual dos espazos, as máis das veces non coincidente coa que tiñan en vida de Rosalía, botando man de numerosa documentación que xustifica esas mudanzas. A iso engádenselle apuntamentos históricos ou biográficos sobre outras persoas e sempre fragmentos da obra en verso e en prosa da propia Rosalía para ler ao detérmonos nese punto, escollidos con excelente criterio de oportunidade.

Mais non só a obra de Rosalía, poñamos por caso no punto 1 na praza Arcebispo Martín de Herrera, onde se sitúa o mosteiro de Santa María, Mercedes Espiño aproveita para lembrar o Banquete de Conxo, malia non estar demostrada a presenza da poeta no acontecemento literario e político. Desta volta os textos que se ofrecen para a lectura son fragmentos dos discursos de Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane, mentres que os escollidos da obra de Rosalía fan referencia ao bosque e ao manicomio ou a Vidán, onde a autora do roteiro tamén ofrece un achegamento ao castelo e á ponte vella da Rocha.

Non nos podemos deter aquí a falar de cada un dos puntos, porén é de salientar que as explicacións que os acompañan, sempre adobiadas de documentación, permiten a Mercedes Espiño amosar incluso polémicas da época, e en certa maneira tamén actuais, sobre a asimilación oficial de Rosalía verbo do monumento erguido en 1917 no hoxe denominado Paseo das Letras na alameda ou verbo do traslado dos seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres. Outros acontecementos que se abeiran en paralelo ao itinerario descritos son a creación do Padroado Rosalía de Castro, hoxe Fundación, na sé padronesa da Matanza, ou as súas relacións de amizade ou persoais con outros intelectuais da época, como é o caso do poeta Aurelio Aguirre.

A fotografía de Anxo Regueiro na capa amosa un contrapunto entre as estatuas de Federico García Lorca, de recente instalación, e de Rosalía de Castro no paseo das Letras da alameda compostelá e a fotografía de contracapa recolle unha das embarcacións patrimoniais coa “inchadiña branca vela”, ambas e dúas testemuñan o fascinio intelectual e a admiración popular que inspirou e inspira a poeta e completan unha boa colección de imaxes esparexidas nas páxinas do libro, entre as que salientan os retratos de Rosalía ou dos seus familiares máis achegados e algunhas das casas nas que habitaron, sendo a última o cadro Rosalía morta, realizado en 1885 polo seu fillo Ovidio Murguía.

As árbores xenealóxicas da familia Martínez Murguía de Castro e das familias materna e paterna da poeta poñen o ramo a este evocador itinerario rosaliano que, como di Francisco Rodríguez, “era tan necesario como a auga para saciar a sede”. E nós propios que o fixemos guiados con amenidade e sabedoría pola autora Mercedes Espiño, nunha actividade de formación do profesorado, damos fe da utilidade práctica do seu deseño, agora dispoñibilizado neste volume e animamos a realizar este paseo literario da man das suxestivas lecturas dos textos de Rosalía e dos documentos históricos que os acompañan. Será a ben seguro unha xornada ben agradecida.

Publicado en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Recensións, Roteiros | Deixa un comentario

Artigo en QPC (XCIX): Unha cala sobre os «Fillos Adoptivos» na nosa literatura

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para reflexionar sobre a presenza da declaración de «Fillos Adoptivos» relacionados coa nosa literatura nos concellos do noso País . Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Unha cala sobre os Fillos Adoptivos na nosa literatura

As recentes retesías e tirapuxas verbo do nomeamento de Darío Xohán Cabana como «Fillo Adoptivo» de Corcubión producíronme persoalmente moito estupor e deixáronme desconcertado. De primeiras pola actitude pública dalgúns membros da corporación corcubionesa que non lle viron méritos para ser homenaxeado e despois pola incomprensión da familia do escritor chairego, a quen teño estimanza desde hai ben anos e da que moito non comprendo, sen ousar contradicir a súa lexítima opinión, os seus argumentos para rexeitaren o ofrecemento da cidadanía máis consciente do seu labor.

Permítanme que faga algo de memoria persoal sobre como coñecín a Darío Xohán Cabana, aínda que como lector de poesía xa antes me tiña asomado á súa obra, pois foi un Poeta que exerceu o seu maxisterio sobre o meu estro poético. Fixemos amizade nos meus anos mozos cando coincidimos como compañeiros de traballo no concello de Corcubión, daquela Darío era garda municipal (tempo despois marchou para Lugo) e eu estiven varios meses a traballar primeiro como secretario persoal do daquela alcalde nacionalista, Rafael Mouzo Lago, e logo enviado polo INEM nun contrato de prácticas para facer labores de auxiliar administrativo. Lembro as nosas conversas sobre literatura, das que tanto aprendín, os libros que me deixou e, sobre todo, a enorme humanidade do Darío. Nunca esquecerei momentos como cando en días de temporal, nos que non podía saír á rúa, andaba a traducir versos do dolce stil nuovo, nomeadamente do Dante Alighieri, ou do posterior Francesco Petrarca, que me ensinaba explicando os problemas que xeraba a tradución e as mil e unha voltas que lle daba a cada verso. Anos despois, estas traducións foron premiadas en Firenze (Florencia). Tampouco esquecerei que o meu primeiro libro de poemas, un sonetario, co título de Ausencias pretéritas acabou publicándose en Espiral Maior en 1992, con prólogo de Darío Xoán Cabana, quen tamén influíu na escolla do soneto como forma estrófica.

Nese limiar o propio Darío lembra a nosa correspondencia epistolar, nun tempo no que escribíamos cartas e non correos electrónicos, cando xa marchara a Lugo. E eu lembro escoitarlle ou ler algún parágrafo de desafección sobre aspectos profesionais desenvolvidos en Corcubión que non lle deixaran bo sabor de boca, como ter a obriga de estar encargado do depósito municipal a onde ían todas as persoas para as que o Xulgado de Corcubión decretaba prisión, mais foron máis as palabras que lle escoitei ou lin sobre os afectos que deixara nestas terras fisterrás, de feito non rexeitou regresar de maneira puntual para ser pregoeiro e falar ben deste lugar e da súa xente.

En fin, Darío Xohán Cabana foi «Fillo Adoptivo» de Corcubión tan só unhas semanas, algo insólito na nosa literatura.

Nunha cala de urxencia, ben seguro que incompleta, comprobei que existen numerosos escritores e escritoras nomeados «Fillos Adoptivos» por concellos cos que tiveron relación biográfica, mesmo varios moito menor que a de Darío Xohán Cabana con Corcubión. E mesmo na miña pescuda atopei outro caso insólito, por non prosperar no pleno, trátase de Anxo Rei Ballesteros (1952-2008). Narrador de Boqueixón. Foi rexeitado como «Fillo Adoptivo» do concello da Pobra do Caramiñal en 2017 ao non acadar a maioría de dous terzos na corporación.

Pola contra, velaquí a numerosa e incompleta listaxe de «Fillos/as Adoptivos/as», na que por certo figura o corcubionés Plácido Castro del Río que foi nomeado en Cambados.

E quen queira entender que entenda.

Eduardo Chao Fernández (1822-1877). Historiador e xornalista de Ribadavia, é Fillo Adoptivo do concello de Vigo.

Emilia Pardo Bazán (1851-1921). Escritora coruñesa en castelán, é Filla Adoptiva do concello de Ourense desde 1901.

Sofía Casanova (1851-1921). Escritora e xornalista coruñesa en castelán, é Filla Adoptiva do concello de Ourense desde 1914.

Manuel Lago González (1865-1925). Poeta e teólogo tudense, é Fillo Adoptivo do concello de Lugo, onde foi Lectoral na súa catedral.

Victoriano Taibo (1885-1966). Poeta compostelán, é Fillo Adoptivo do concello de Gondomar desde 2018.

Castelao (1886-1950). Polígrafo rianxeiro, é Fillo Adoptivo do concello da Estrada desde 1986.

Federico García Lorca (1898-1936). Poeta e dramaturgo de Fuente Vaqueros (Granada), con obra galega e asasinado en 1936, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 2009.

Francisco Luís Bernárdez (1900-1978). Poeta e ensaísta nado na emigración en Buenos Aires, é Fillo Adoptivo do concello de Maside desde 2010.

Plácido Castro del Río (1902-1967). Escritor, tradutor e xornalista de Corcubión, é Fillo Adoptivo do concello de Cambados desde 2017.

Enrique Chao Espina (1908-1989). Escritor de Viveiro, é Fillo Adoptivo do concello de Ortigueira desde 1988.

Gonzalo Torrente Ballester (1910-1999). Escritor ferrolán en castelán, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 1996.

Matilde González Palau, Matilde Lloria (1912-2002). Escritora en catalán, castelán e galego, é Filla Adoptiva do concello de Ourense desde 1994.

Francisco Fernández del Riego (1913-2010). Polígrafo e próximo homenaxeado nas Letras galegas 2023, nado en Vilanova de Lourenzá, é Fillo Adoptivo do concello de Nigrán desde 2002.

Avelino Pousa Antelo (1914-2012). Escritor e presidente da Fundación Castelao, nado na Baña, é Fillo Adoptivo do concello de Teo desde 2017.

Manuel Lueiro Rey (1916-1990). Escritor e xornalista de Fornelos de Montes, é Fillo Adoptivo do concello do Grove desde 1992.

Raimundo García Domínguez, Borobó (1916-2003). Escritor e xornalista de Pontecesures, é Fillo Adoptivo do concello do Boiro desde 2003 e do concello de Caldas de Reis desde 2006.

Isaac Díaz Pardo (1920-2012). Pintor, escritor e editor compostelán, é Fillo Adoptivo do concello de Ferrol desde 2000 e do concello de Sada desde 2007.

Máximo Sar, Máximo Rodríguez Buján (1922-2012). Escritor padronés, é Fillo Adoptivo do concello de Caldas de Reis desde 2020.

Luz Pozo Garza (1922-2020). Escritora e académica de Ribadeo, é Filla Adoptiva do concello de Viveiro desde 2018.

Antía Cal (1923-2022). Escritora e pedagoga galega nada na Habana, é Filla Adoptiva do concello de Murás desde 2015.

Eliseo Alonso Rodríguez (1924-1996). Poeta e narrador de Goián (Tomiño), é Fillo Adoptivo do concello de Tui desde 2021.

Julia Uceda (1925). Poeta sevillana en castelán, é Filla Adoptiva do concello de Ferrol desde 2009.

Xesús Alonso Montero (1928). Polígrafo vigués, é Fillo Adoptivo do concello de Ribadavia desde 2012.

Xosé Neira Vilas (1928-2015). Escritor nado en Vila de Cruces, é Fillo Adoptivo do concello de Boqueixón desde 2014.

Manuel María (1929-2004). Poeta, narrador, dramaturgo nado en Outeiro de Rei, é Fillo Adoptivo do concello de Lugo desde 2005.

Manuel Quintáns Suárez (1931-2020). Escritor e tradutor de Santa Comba, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 2020.

Anisia Miranda (1932-2009). Escritora cubana con obra galega, compañeira de Xosé Neira Vilas, é Filla Adoptiva do concello de Vila de Cruces desde 2005.

Xesús Mato Mato (1932). Escritor de Paradela, é Fillo Adoptivo do concello de Portomarín desde 2019.

Salvador García-Bodaño (1935). Poeta, narrador, ensaísta e tradutor vigués, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 2014.

Nélida Piñón (1937). Escritora e académica brasileira, é Filla Adoptiva do concello de Cotobade desde 2015.

Álvaro Porto Dapena (1940-2018). Filólogo de Narón, é Fillo Adoptivo do concello de Cedeira desde 2018.

Carlos Casares (1941-2002). Escritor de Ourense, é Fillo Adoptivo do concello de Cangas do Morrazo desde 2017.

Xosé Carlos Gómez Alfaro (1949-2008). Poeta de Ribadavia, é Fillo Adoptivo do concello da Guarda desde 2018.

Alfonso Blanco Torrado (1950). Ensaísta e dinamizador cultural de Xermolos nado na emigración en Montevideo, é Fillo Adoptivo do concello de Guitiriz desde 2018.

Luís García Mañá (1950). Narrador ourensán, é Fillo Adoptivo do concello de Calvos de Randín desde 2008.

Luís González Tosar (1952). Poeta e presidente do PEN, nado na emigración en Buenos Aires, é Fillo Adoptivo do concello do Irixo desde 2009.

Celia Díaz (1961). Narradora e dramaturga do Páramo, é Filla Adoptiva do concello de Quiroga desde 2018.

Begoña Caamaño (1964-2014). Narradora e xornalista viguesa, é Filla Adoptiva do concello de Santiago de Compostela desde 2009.

Antón Riveiro Coello (1964). Narrador e poeta de de Xinzo de Limia, é Fillo Adoptivo do concello de Baltar.

Publicado en Biografía, Estudos literarios, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Política, Premios, Versións ou traducións | Deixa un comentario

Recensión a Reboiras, o camiño da rebeldía, de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro, en Grial 233

No último número, 233 (xaneiro, febreiro e marzo do 2022) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Humanizar e deconstruír un mito», unha recensión á biografía Reboiras, o camiño da rebeldía, de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro, en Grial 233.

Este número 233 centra os seus contidos no monográfico «O galego: desafíos do presente», cuxa introdución «O galego: no punto de inflexión?» asina o académico e director da revista Henrique Monteagudo, para introducir os artigos «Impoñer a liberdade. Sobre o réxime de linguas en Galicia», da súa propia autoría; «A lingua galega no sistema educativo. Impacto nas competencias, prácticas e actitudes do alumnado», de Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío; «A Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Compromisos e incumprimentos», de Fernando Ramallo; «Siri non fala galego. Mocidade, lingua e pantallas», de Håkan Casares e Henrique Monteagudo; «Beneficios do bilingüismo no cerebro infantil», de Xosé Guillerme Rodríguez Osorio e Sonia Villapol Salgado e «Se nós tamén amamos o español, por que vós desprezades o galego», de Manuel Veiga Taboada.

Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «As liñas tortas da “xustiza” española» de Manuel Anxo Fortes Torres e na sección «Debates» a achega «Algunhas reflexións verbo da protección xurídica da paisaxe», de Consuelo Castro Rey.

A seguir na sección «Documentos» os textos «Correspondencia entre Xosé Neira Vilas e Carlos López García-Picos. O reencontro de dous vellos amigos», introducidos por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.

Na sección «Historia e memoria» publícase o artigo «Sindicalistas galegos no atlántico. O microcosmos de Buenos Aires», de Bieito Alonso Fernández e «Abeiro de bestas. O estado franquista, protector de nazis», que asina Francisco Xavier Redondo Abal.

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Diego Giráldez, e a poética uns textos inéditos da autoría de Celso Fernández Sanmartín.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse co artigo «María Casares. A raíz e os exilios», de Esperanza Mariño Dávila. E na sección «Crónica» o texto «Carta de Buenos Aires. Paseando co pai», de Xavier Queipo.

A maiores na sección «Feminismos» as achegas «Mariví Villaverde e Teresa Alvajar: o centenario de dúas mulleres-memoria», que asina Carme Vidal e A historia desaparecida de Elena Estávez, voz no relato do agrarismo», de Marga do Val.

Deseguida a sección de «Artes visuais e escénicas» co texto «O transformismo escénico en galiza (1898-1941)», de Daniela Ferrández Pérez.

Pechan o volume as seccións de «Música» co artigo «Que é o Pop, mamá?», de Óscar Quant, e «Ciencia e técnica» co texto «A batalla da noite», de Salvador X. Bará.

Velaquí o contido da miña recensión.

Humanizar e deconstruír un mito

Reboiras, o camiño da rebeldía

Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro

Allariz: Aira editorial, 2021, 224 páxinas

Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975), Moncho Reboiras na loita política, sempre Pepe no ámbito familiar, converteuse nunha icona e nun mito do soberanismo galego por mor da súa temperá morte, baleado polas costas pola policía franquista. E como se lembra no colofón desta obra hai doce anos a súa figura foi rehabilitada polo goberno español ao recoñecer que “pola súa defensa do movemento sindical e a súa militancia política nacionalista padeceu ilexitimamente persecución e violencia que motivaron a súa morte”.

A devandita resignificación é debedora de todas as homenaxes nas últimas décadas que se celebran cada 12 agosto, cando diversas siglas do nacionalismo de esquerdas e do independentismo, con especial resalte para o que foi o seu partido, a UPG, conmemoran no cemiterio de Imo (Dodro) onde está soterrado, na ferrolá Rúa da Terra onde foi abatido ou no vigués barrio de Teis onde desenvolveu o seu proceso de concienciación ideolóxica, actos que rememoran a súa loita desde presupostos afíns mais non coincidentes.

En 2010 a denominada Comisión do 35º aniversario Moncho Reboiras, na que tamén figuraba seu irmán Manuel, encargou ao xornalista Xosé Manuel Pereiro a elaboración da súa biografía, mais aínda tivo que transcorrer máis dunha década para que Pereiro, coa colaboración do filólogo Xurxo Martínez González asinasen este completo estudo biográfico sobre os 25 anos de vida de Moncho.

Para este exhaustivo labor botaron man de entrevistas persoais de diferente extensión e resultado con 34 persoas que estiveron na súa contorna e tamén de numerosa documentación, algunha moi pouca coñecida, así como de todas as sucintas biografías anteriores, desde a primeira e urxente publicada no voceiro da UPG, Terra e Tempo 34 (nadal de 1975), até o extenso número extraordinario 182-183 (xaneiro-decembro 2020) da mesma revista coa epígrafe Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos, con 35 colaboracións artísticas, literarias e históricas, ou o máis recente filme Reboiras. Acción e corazón, dirixido por Alberte Mera tamén en 2020. Nestes dous últimos traballos, coma neste, desbotouse a icónica imaxe que Reboiras tiña na clandestinidade e que durante anos tamén usou o nacionalismo e o independentismo para o reivindicar por outra do mozo que sempre foi.

Alén da Introdución na que os autores desvelan o proceso de elaboración e mesmo confesan as súas dúbidas, que é de agradecer, e as súas limitacións pola fragmentariedade de moita documentación, o volume estrutúrase en 14 capítulos e un apéndice con breves notas biográficas sobre as voces dos protagonistas das conversas, así como unha completa bibliografía. Tamén fan uso dun notable acompañamento gráfico tirado de diversas fontes, entre as que sobrancean o arquivo familiar, o da fundación Terra e Tempo, vencellada á UPG, os arquivos persoais de destacados persoeiros do nacionalismo nesa altura como Xosé M. García Crego ou o finado Ramón Muñiz, do xornalista Xan Carballa ou do Arquivo Penzol.

Unha breve descrición da Terra de Iria a día de hoxe introduce o capítulo seguinte no que coñecemos esa mesma comarca na época de casaren os pais e do natalicio de Moncho Reboiras o 26 de xaneiro de 1950. Nove anos despois a familia xa está establecida no barrio obreiro de Teis, porque a industrialización de Vigo ofrecía maiores posibilidades.

Nese capítulo tamén se fai énfase no maxisterio que recibiu de dous catedráticos que falaban galego no instituto Santa Irene, Xosé Luís Méndez Ferrín e Rufo Pérez, ao tempo que o mozo Moncho Reboiras participaba do estudantado organizado. E no que segue, que abeira os anos 1965-68 analízase o seu encontro co Padre Seixas, militante xuvenil galeguista na preguerra, que realizou apostolado na galeguización e na concienciación esquerdista de moita mocidade. Un labor que se concretou no denominado grupo O Castro e tempo despois tamén na Asociación Cultural de Vigo, verdadeiro fervedoiro de axitación antifranquista e onde tamén se produciu certa confluencia entre algúns vellos galeguistas e republicanos con aquela afouta mocidade ávida de coñecementos e chea de novos azos para a loita cultural, que tamén o era política.

No sexto capítulo, onde se abordan os seus anos coma estudante de Enxeñaría Técnica Industrial, os autores da biografía documentan a súa madureza política ao tempo que, recollendo a opinión de Xosé González, Pepiño de Teis, atribúen a Moncho o poema “Berra non”, contra a xestión da marea negra que provocou o Polycomander ao afundir tras as Cíes, versos no ronsel dos máis combativos de Celso Emilio Ferreiro.

A súa implicación na loita política clandestina explicaría o seu achegamento á UPG, naquela altura aínda un pequeno partido de cadros que aos poucos ía medrando en influencia, máis no ámbito cultural do que no sindical. Pereiro e Martínez González analizan polo miúdo toda esta etapa, sen deixar de lado tampouco as diverxencias e tensións que se producían no seu seo, nunha época caracterizada polas escisións e as purgas habituais nas organizacións da esquerda, e dan conta de como Moncho Reboiras, pola súa inmensa capacidade de traballo, ía cobrando maior protagonismo.

Son anos de mobilizacións obreiras moi fortes e niso chega a Folga Xeral de 1972, con especial incidencia en Ferrol e Vigo, un longo capítulo na cerna do libro de moi necesaria lectura para entendermos a introdución do nacionalismo nas loitas sindicais. Malia a abrumadora presenza de nomes e de siglas partidarias e sindicais a lectura non se fai prolixa e podemos coñecer unha acaída síntese desta etapa fulcral para a posterior evolución de todo o nacionalismo de esquerdas, desde xa dotado de organizacións sindicais de seu.

De aquí en diante xorden a Fronte Obreira, os Comités de Axuda á Loita Labrega (semente das Comisións Labregas), a loita estudantil co nacemento de ERGA ou a Fronte Cultural, en sintonía con asociacións culturais de longa historia, algunhas aínda sobreviventes hoxe como a compostelá O Galo. En todas estas frontes, nomeadamente na primeira e na última, a capacidade organizativa de Moncho Reboiras é recoñecida por diversos testemuños aquí referidos.

Porén a necesidade de consolidar as organizacións sindicais habería levar a Moncho Reboiras e a outros camaradas a un inxente labor de crear células sindicais en numerosas empresas, onde entraban a traballar, artellaban e consolidaban un grupo e xa logo marchaban a outro centro laboral. Testemúñase aquí o seu paso efémero por Bazán ou Astano, entre outras, e o seu 600 percorre o noso País para realizar actividades culturais, políticas e sindicais, ás veces por xunto e ás veces por separado.

A partir do capítulo undécimo, xa por volta de 1974, achegámonos aos anos nos que a biografía de Moncho Reboiras xerou “ríos de tinta, de trazado non sempre claro” en palabras de Pereiro e Martínez González, quen deitan luz (toda a luz que foi posible nas conversas) sobre a creación dun “destacamento armado” da UPG e o duro debate que se produce, coa desautorización do que na altura se denominaba Cumio Central. Estas páxinas do libro son onde menos coincidencias se producen entre os diversos testemuños recollidos. Os biógrafos concédenlle moita importancia ao triunfo en Portugal da revolução dos cravos do 25 de abril e aos contactos entre o nacionalismo galego e as organizacións portuguesas máis esquerdistas, e un Moncho Reboiras, na clandestinidade, con frecuentes viaxes a Portugal. Tamén se trata de botar luz nestas páxinas sobre a confusa e pouco produtiva relación entre Euzkadi Ta Askatasuna e o nacionalismo galego.

Finalmente, os dous últimos capítulos «A caída, 12 de agosto de 1975» relatan con vértixe case cinematográfica a súa localización e posterior asasinato en Ferrol, e en «Despois» a caída dos seus camaradas, que debilitou dunha maneira enorme a organización na que militaban, alén das circunstancias do seu enterro e de maneira apresurada, na nosa opinión, un breve epílogo para dar conta de que a maioría das persoas entrevistadas xa non militan na UPG mais a práctica totalidade “mantén as conviccións que tiña naquela época”.

E chegados a este punto esta biografía que pretendeu humanizar e deconstruír o mito poderá resultar descafeinada para quen esperase un panexírico da épica da loita armada ou aínda mitificadora para quen lle negue a Moncho Reboiras, Pepe para a súa familia, a exemplaridade patriótica. Os autores non procuraron nin unha nin outra, senón unha aproximación obxectiva, feita con paixón e con rigorosidade, deixando falar aos demais e poñendo orde na documentación dispersa. Un esforzo coroado con acerto expositivo e aberto á discrepancia, como diverxentes son algunhas das opinións proferidas nas entrevistas.

Publicado en Biografía, Documental, Efemérides, Entrevistas, Historia, Política, Recensións | Deixa un comentario

Artigo en QPC (XCVIII): Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. Galicia, lo gallego y los gallegos, de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para saudar o lanzamento dun ensaio sociolingüístico de Fernando Cabeza Quiles, que xa tivera unha edición anterior en galego. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. Galicia, lo gallego y los gallegos, de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán

Entre os lanzamentos literarios da recente Praza dos Libros de Carballo estivo o ensaio Galicia, lo gallego y los gallegos (A Coruña: Medulia Editorial, 2022) da autoría do berciano e carballés de adopción Fernando Cabeza Quiles, quen hai media ducia de anos dera a coñecer a versión orixinal en galego na editorial Toxosoutos, e que agora recupera traducida con evidente afán didáctico para que se nos coñeza mellor por parte de persoas, foráneas ou non, non instaladas na nosa cultura.

Velaquí unha recensión ao libro:

Galicia, lo gallego y los gallegos

Fernando Cabeza Quiles

A Coruña: Medulia Editorial, 2022

As angueiras a prol da nosa lingua de Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953), berciano de nacenza mais enraizado dende hai moitos anos nas terras bergantiñás de Carballo, son ben coñecidas e as máis delas xiran derredor do comentario etimolóxico, sendo de obrigada consulta as súas obras de investigación Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992), Os nomes da terra: topónimos galegos (2000), Toponimia de Galicia (2008) e A toponimia celta de Galicia (2014), ás que aínda lle poderiamos engadir outro título que recolle as súas pescudas sobre a presenza, con rastros tamén na toponimia, de Galegos nas Alpujarras granadinas (2003).

Algunha pegada diso hai en Galicia, lo gallego y los gallegos (versión de Galicia, o galego e os galegos, 2016) que xunta unha miscelánea de doce textos con diferentes reflexións que teñen como elo común combater os prexuízos e os tópicos sobre a nosa identidade, a nosa lingua e o noso territorio, co obxectivo de fornecérmonos a nós propios dun sólido argumentario en favor do orgullo de sentírmonos galegos e aos alleos de poderen comprender mellor a nosa idiosincrasia como pobo.

O verso de Manuel María «Galicia é unha nai velliña» dálle título ao primeiro texto, no que as referencias aos topónimos serven para combater estereotipos recentes sobre nós ou para basear as nosas diferenzas culturais “como resultado e consecuencia da posición xeográfica excéntrica que na maior parte da súa historia ocupou Galicia, ao estar nunha fisterra”.

Un punto de vista máis etnográfico, adubado con contraste a referencias doutros autores, percorre «As mulleres que levaban o mundo na cabeza», parafraseando desta volta a Manuel Rivas, que pretende abrir un debate sobre a feminización do traballo desde antigo e se se pode falar ou non dunha sociedade matriarcal, que para Cabeza Quiles non se podería afirmar.

En sucesión cronolóxica histórica «De Breogán a Maeloc» defende as evidencias de sermos unha nación céltica con novos testemuños tirados da toponimia, «Unha utilísima inventio e a plenitude» céntrase nas pegadas que nos deixaron os repoboadores francos e os monxes de Cluny “quen trouxeron a Galicia, a través do Camiño Francés, manifestacións culturais tan importantes como o románico”, e «A humillación» dialoga coa visión negativa, mesmo ás veces coa galegofobia (nomeadamente na época dos Austrias, no chamado Siglo de Oro) e a animadversión contra as nosas manifestacións culturais. Neste capítulo fai unha análise de varias expresións pexorativas que aínda perviven no Dicionario da Real Academia Española.

Sen deixar os temas anteriores «A emigración» lembra máis unha vez as primeiras vagas migratorias do pobo galego, botando man do argumentario do seu libro Galegos nas Alpujarras granadinas (2003), mais tamén con outras referencias a episodios como a “Real Expedición Filantrópica de la Vacuna”, recentemente novelado por María Solar en Os nenos da varíola, e por suposto toda a épica da emigración transoceánica.

Unha ollada máis filosófica, e acaso sorprendente, aparece en «Éche unha agra aberta», pois aquí as numerosas referencias toponímicas serven para explicar a existencia de cancelas, portelas ou valados no noso territorio fronte ás inmensas agras abertas da paisaxe castelá, e tamén no texto «A curvofilia», onde asocia a topografía co noso carácter identitario en contraste con outros espazos e pobos, mesmo de lugares ben afastados como as chairas americanas, e sempre con alusións a outros autores que dunha maneira ou outra observaron esa posible relación.

«Agardade un momentiño» regresa ás cuestións lingüísticas, agora para analizar polo miúdo diversos circunloquios ou expresións perifrásticas que nos son propias e que tamén serían trazos da nosa especifidade, así como o uso afectivo dos diminutivos ou do pronome de solidariedade, recursos aos que non recorreu o castelán, e que para Cabeza Quiles crean unha “verdadeira marca de calidade da lingua galega, que lle dá a esta e á nosa cultura un sinal de identidade único e intransferible”.

Diversas anotacións históricas, como a ausencia de censura en temas sexuais ou as características propias do noso humor que estudou Celestino Fernández de la Vega dan pé ao autor para o texto intitulado «África remata no Cebreiro».

Finalmente, a confrontación ou dicotomía entre o mundo mariñeiro do noso litoral costeiro e o mundo labrego do interior alicerza os últimos capítulos, «Para mariñeiros nós», que trata de revelar a profanos a sociolingüística propia das comunidades que tiveron e teñen a pesca como actividade fundamental, e tamén «A vaquiña polo que valía» que o fai dos sectores agrario e gandeiro.

E despois de teimar en descubrir a nosa singularidade, mais tamén despois de facer autocrítica sobre a forza dos localismos, a nosa ambigüídade ou o o noso inmobilismo, de todo o escrito por Fernando Cabeza Quiles despréndese unha apelación á autoestima e á conciencia de sermos galegas e galegos no presente e no futuro.

Publicado en Historia, Lendas e mitos, Lingua, Política, Tradicións | Deixa un comentario

Artigo en QPC (XCVII): O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para relembrar a publicación fisterrá O Berrón, agora recuperada para a veciñanza fisterrá. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega

QPC, sempre atento ás novidades culturais, informaba estes días de que o Departamento de Cultura do Concello de Fisterra vén de dispoñibilizar para a veciñanza no fondo local unha colección da revista O Berrón, que se editou entre os anos 1987 e 1991.

Cara ao remate da década dos noventa traballei como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, onde tiven a honra de ser un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000).

No primeiro volume o artigo sobre O Berrón é da miña autoría, aínda que por decisión editorial as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Naquela altura puiden consultar a colección completa grazas á xenerosidade do escritor fisterrán Roberto Traba Velay e tamén, para os últimos números, do activista cultural noiés Severiano Pérez Suárez que daquela rexentaba a desaparecida libraría Nerios en Corcubión.

Velaquí a miña achega descritiva que se publicou no Dicionario da Literatura Galega:

O BERRÓN

“Boletín informativo e cultural do Centro Cultural e Recreativo de Fisterra” era o subtítulo inicial desta publicación que nace o 28 de outubro de 1987 e desaparece en abril de 1991, no seu noveno número. No terceiro levaba como subtítulo “Periódico mensual do Centro Cultural e Recreativo do Casino de Fisterra”, periodicidade que nunca se cumprirá polo que pasará a chamarse “periódico máis ou menos mensual”, ata que finalmente se converte, desde o sexto número, en “Revista independiente”. Oscilaba entre as vinte e as vinte e oito páxinas, nun principio sen anuncios e despois con publicidade local. Sempre estivo dirixida por Roberto Traba Velay, coa colaboración en dous números especiais de Severiano Pérez Suárez. Trátase dunha publicación, bilingüe, que informa sobre as novas que ocorren na zona de Fisterra. A redacción utiliza o humor e o sarcasmo con frecuencia, tanto nos debuxos coma nos comentarios. Nas súas paxinas adoitan incluír historia local, biografías ou entrevistas a persoeiros da vila, crítica literaria e moitos textos poéticos. Así, reproducen poemas de Celso Emilio Ferreiro ou Curros Enríquez e publican autores da comarca como o propio director, ben co seu nome ou ben como Guillermo do Facho, Manuel Martínez*, Miro Villar e Teresa Arán Trillo, ademais de recoller unha versión en galego do “Poema ecolóxico” do Xefe Seattle. O interese literario da revista complétase con prosas en galego que asinan Benxamín Trillo, Ángel López Canosa e Manolo de Antonia, que escribe sobre “Castelao na Arxentina”.

PS.: *Manuel Martínez non era outro que o poeta fisterrán Francisco Manuel López Martínez, quen moi pouco tempo despois ía usar sempre o nome literario de Alexandre Nerium.

No que atinxe a min propio tan só colaborei en dous números, a petición de Severiano Pérez Suárez, en concreto no nº 3, datado en marzo de 1988, co soneto “Da ausencia” e no nº 4, datado en agosto de 1988, co soneto “Miro-te na xanela nocturna perfilada”, ambos e dous con algunhas variantes lingüísticas (como o feito de que mudei a ortografía de mínimos pola norma oficial) foron incorporados ao meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990), do que veñen de se facer 25 anos da publicación e cuxa capa é da autoría do chorado amigo poeta e artista Paco Souto. A obra facía o número 5 da Colección de Poesía dirixida polo escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, con deseño gráfico do finado Carlos Díaz Martínez.

Publicado en Estudos literarios, Historia, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Xornalismo | Deixa un comentario

Artigo en QPC (XCVI): «A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán»

Florencio Delgado Gurriarán (no centro) no Ipanema

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar a escasa presenza da Costa da Morte na obra do poeta Florencio Delgado Gurriarán, autor que lembramos nas Letras Galegas 2022. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán

O poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987), que finou moi poucas semanas despois de facer os 84 anos, tivo unha delongada biografía que lle permitiu ser partícipe e testemuña de diversos acontecementos históricos que decorreron no convulso século XX e todos eles, dunha maneira ou doutra, aparecen reflectidos na súa obra poética. Velaí a súa presenza a carón das Irmandades da Fala ou no fervedoiro cultural e literario da época Nós, mesmo durante os anos máis adversos que cadraron coa ditadura de Primo de Rivera (1923‒1930), época na que publica os seus primeiros versos con presenza significativa en cabeceiras como Heraldo de Galicia ou A Nosa Terra.

Deseguida o seu compromiso galeguista no escaso lustro que durou a Segunda República (1931‒1936). Con inquedanzas mozas será aos trinta anos, en 1933, cando ingrese formalmente no Partido Galeguista, fundado en decembro de 1931, e na prensa da época está documentado que acompañou a Ramón Otero Pedrayo e a Alexandre Bóveda nos seus mitins galeguistas por terras valdeorresas. Gurriarán (1999, 2022), que na súa biografía recolle unha reprodución do seu carné do PG rubricado por Ramón Suárez Picallo en 1938, afirma que a súa sinatura estaría detrás de diferentes artigos de prensa que asinan os galeguistas de Valdeorras.

A vivencia da guerra civil (1936‒1939), que o levou nunha intricada fuxida a Portugal e a Francia para se incorporar ao bando republicano en Cataluña, onde os seus versos máis combatentes estarán ao servizo da súa causa, mesmo despois da derrota e nos primeiros anos da posguerra, que provocaría o embarco de Florencio cara ao exilio mexicano. Primeiro con esperanza, cando aínda se pensaba que o réxime tiña os días contados, despois con desazo pola morte de Castelao, en xaneiro de 1950, que, dalgunha maneira, simboliza a morte do propio exilio galego perante as adversidades que sobrevivirán xa que nese mesmo ano a ONU revoga a condena do embargo internacional e pouco despois, en 1953, Franco asina senllos acordos bilaterais: o Concordato co Vaticano e os pactos cos EEUU, que garanten a presenza de bases americanas en territorio español a cambio de axuda económica. Feitos que alicerzan o período que Celso Emilio Ferreiro e todos nós despois nomeamos como a longa noite de pedra da ditadura de Franco (1939‒1975).

Por parte, varios textos seus van superar o veto da censura franquista, por suposto non aqueles da súa combativa musa civil senón aqueles relacionados coa paisaxe e coa viticultura, e aparecen en diferentes revistas e publicacións periódicas.

Cando Florencio puido regresar a súa Terra o ditador gobernaba con man de ferro. No verán de 1968 con pasaporte mexicano consegue voltar por vez primeira a Galiza, á terra de Valdeorras, desde o seu exilio mexicano, e puido abrazar os familiares e tamén os poucos vellos galeguistas valdeorreses. E finalmente, aínda no exilio, viviu a esperanza que xurdía cos primeiros anos da denominada Transición democrática e coa proclamación do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981).

Medio século, concretamente 52 anos, é o longo período que separa as datas de publicación dos seus catro títulos poéticos: Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (Bebedeira, Valdeorresas, Dionisias) (1981) e O soño do guieiro (1986).

Na súa obra son escasas as referencias ao territorio da Costa da Morte e, aínda que non teñamos a certeza, pola súa biografía é pouco probable que coñecese a nosa contorna.

En 1986 o selo Edicións do Castro, de Isaac Díaz Pardo, por iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses, publica o seu derradeiro libro de poemas O soño do guieiro, mais Florencio xa non pode gozar moito da súa recepción xa que fina dunha doenza cardíaca o 14 de maio de 1987 en Fair Oaks, California, cando estaba a visitar as súas fillas.

No devandito libro cita o topónimo Fisterra, mais é usado como metonimia de Galiza. Aparece no texto máis importante do volume e que abre a obra, co mesmo título que o volume «O soño do guieiro». Este poema inspirouno o vinte e cinco aniversario do pasamento de Castelao e publicouse no número extra que nesta data editou a revista Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires. Os versos parten dunha paráfrase intertextual do capítulo XXXII do libro Sempre en Galiza, para salientar o incumprimento das arelas do dirixente galeguista. Velaquí a estrofa:

(…)

Toda a TERRA, xardín, horto e cidade
contraponto do urbano e das xeórxicas ,
fogar, celeiro, escola, adega, pazo,
obradoiros, teares… Limpa Industria,
ár ridente de atruxos e cantigas,
sen bruidos, sen fumes, sen fedores…
Prata e nacre, do peixe e do marisco,
recolleitos nos mares de Universo,
leite e mel, de arrecendo a cabrinfollo,
pan e carbe e o sangue dos Ribeiros…
Lediza do traballo que arrequece,
úbeda Dinamarca da Fisterra,
a reter, os seus fillos,
na paz e na fartura.
¡Qué soño mais fermoso, Castelao,
qué soño mais fermoso e máis lonxano
e qué triste e noxenta realidade!

(…)

No mesmo poema, alén dos xogos intertextuais coa obra narrativa de Castelao Os dous de sempre tamén dialoga con coñecidas imaxes do bardo bergantiñán Eduardo Pondal, a través de creacións míticas do noso bardo como Gundar. Escribe na parte final:

(…)

Galiza, acastrapada e alpabarda,

na súa atonía, semella esmorecere,

sen azos pra a seitura da súa herdade,

sen vontade pra ser a lus da Iberia,

que dixera Gundar, o nobre Bardo…

¡Qué lonxe, Castelao, do teu soño!

(…)

A presenza de Eduardo Pondal xa se rastrexa en libros anteriores como na colectánea editada polo Partido Galeguista de México, Cancioneiro da loita galega (1943), da que temos edición facsimilar tamén das Edicións do Castro en 1996, da man do profesor Alonso Montero.

Florencio Delgado Gurriarán foi o responsable da edición e tamén de catorce poemas, unha ducia baixo o pseudónimo Nadel e dous máis coa sinatura R. Miño, pois Gurriarán (1999, 2022) localizou os manuscritos no seu arquivo persoal. Nun destes, que leva por título «O trebón» e canta a morte de Alexandre Bóveda, hai tamén alusións a Eduardo Pondal e ás costas de Muros. Velaquí o fragmento:

(…)

Mira

batel-o mar

nas costas de Muros…

A mañán

bretemosa

que anuncia

tormenta

é unha i-alma

insolada:

¡a i-alma

de Curros!

Ouve

no ceio

o tronar…

e ise

laiar tan grande

que resoa no val…

O tronar

é Pondal,

o laiar

é Alexandre.

(…)

E no volume intitulado Galicia infinda (1963) publicado, segundo o colofón, o día 16 do mes de Nadal de 1963 como nº 12 de «Salnés», a colección de poesía galega da Editorial Galaxia que daquela era responsabilidade de Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, coñecido pseudónimo de Francisco Fernández del Riego, tamén inclúe referencias a Pondal.

Concretamente nos sete textos da serie «Varia», aparece o poema intitulado «Alvariño», evidente xogo entre a denominación dun magnífico viño e o derradeiro apelido de Aquilino Iglesia Alvariño para homenaxear o autor de Nenias, que é cualificado de poeta saudoso e velaíño, e tamén a Rosalía (A Ruliña do Sar), Noriega Varela (das chorimas sorridentes), Eduardo Pondal (polo bardo Pondal de nobre canto), Curros Enríquez (frecheiro de triadas), Daniel Castelao (Moisés, guieiro noso / que no acadóu a Terra prometida), Amado Carballo (sinfonista de paisaxes), Manuel Antonio (riscador de meridianos), Luís Pimentel (de lúas e de espellos) e Ramón Cabanillas (E o Ramón de Salnés, enxebre Apolo / que o cetro che deixara sa poesía!).

Na serie «Poemas mexicanos» que lle poñen remate ao libro de Galicia infinda (1963), os cales tiveron versións anteriores na revista Vieiros, en «Xarabe tapatío», poema dedicado a Ramón Cabanillas xa na versión de Vieiros, hai unha referencia explícita ao labor artesanal das palilleiras, ou panilleiras como escribía o poeta muxián Gonzalo López Abente, de Camariñas. Velaquí:

O “xarabe tapatío”, ‒ ledo coma un rechouchío,

é unha danza rebuldeira ‒ parenta da muiñeira.

É, nun baileo, bailado, ‒ e, cos pés, repinicando

as pernas das rapaciñas ‒ fan rendas de Camariñas.

Mención á parte merece o feito de que a súa sinatura tamén sexa notoria entre a ampla nómina de escritores republicanos de Ecuador Oº, O’, O». Revista de Poesía Universal, fermosa iniciativa do fisterrán exiliado Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, quen se callar é inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro do poeta León Felipe do que é como editor e como poeta.

De quitado da súa obra, hai un episodio biográfico que tamén pode relacionar a Florencio Delgado Gurriarán con Fisterra. A exiliada Silvia Mistral narra a súa historia persoal en Éxodo. Diario de una refugiada española (1ª ed. México, 1940) e nas páxinas finais conta que cando o Ipanema, un dos denominados “barcos da liberdade”, pasaba á altura do cabo de Fisterra varios mozos galegos xuntáronse a babor e leron o seguinte texto (en galego no orixinal):

“A vista do Fisterre, recibe, pobo galego o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara o exilio. Non perdades esperanzas, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA A REPÚBRICA. ABAIXO FRANCO”.

E sinala que guindaron unha botella ao mar con mensaxes. Non hai testemuños, nin sequera propios, de que Florencio fose un deses afoutos mozos, porén o escrito concorda moito coa súa poesía de combate antifranquista, seis poemas asinados só co nome, sen apelidos que comprometan a familia, no periódico dos comunistas Nueva Galicia, onde publicaron outros galeguistas como Castelao.

Se callar algún día apareza nos nosos fondos mariños aquela botella e talvez no seu interior poidamos atopar algún texto da autoría do poeta valdeorrés. Había ser ben fermoso!

Publicado en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Poesía, Política | Deixa un comentario

«Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano», artigo publicado na Revista Luzes 103

Engado ao repositorio destas crebas.gal o artigo escrito para a Revista Luzes 103, dirixida por Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, correspondente ao mes de maio, que se publicou a xeito de monográfico dedicado ao autor que homenaxeamos no Día das Letras Galegas 2022, que coordinou a xornalista Ana Cermeño.

Velaquí a táboa de contidos:

Reportaxes
Florencio Delgado Gurriarán. O poeta galeguista no exilio mexicano
México e os barcos da esperanza
O alento de Luís Soto
O aviador que elevou o galeguismo ao ceo da aventura
A outra cara da historia. Mulleres galegas que se viron na obriga de fuxir
A palabra exilio: verbas sobre cultura e política
Juan Rulfo e Carlos Velo en Nueva Galicia. Aquí temos facilidade para morrer
José Caridad Mateo e os espazos republicanos
O último retrato dos Hermanos Mayo
Por Miro Villar, Roberto Mera, Xurxo Martínez González, Santiago Romero, Paula Chouza, Belén Teiga, Ramón González Rey, Xosé Lois Martinez Suárez, Omayra Lista e Xurxo Lobato.

Entrevista
Demetrio Bilbatúa
«Quen vivimos aquela guerra e despois o exilio temos unha historia intensa». Por Mariángeles Comesaña.

E as opinións de Mª Luisa Julia Pazos Pazos, Pilar Cagiao Vila, Teresa Táboas, Mª Xosé Rodríguez Galdo, Agar Ledo, Uxía e Manuel Barreiro.

Reproduzo deseguida o texto da miña autoría, que tamén se pode ler na Luzes 103, á venda en formato papel nas principais librarías do noso País e tamén na tenda online nesta ligazón.

Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano

O 7 de xullo de 1939, ás cinco da tarde hora local, un dos “barcos da liberdade” de nome Ipanema fondeaba no porto mexicano de Veracruz. Entre as 998 persoas na procura de asilo político estaba o poeta galeguista Florencio Delgado Gurriarán. O arquivo histórico da Fundación Pablo Iglesias custodia un documento mecanografado coas súas fichas, na de Florencio figura que tiña 35 anos, solteiro, nado en Vilamartín de Valdeorras, que non militaba en ningún partido e si no sindicato UGT. E cita os seus cargos antes da guerra, na xestora municipal da corporación republicana de Vilamartín, e na guerra, sobre todo no Servizo de Información de Evadidos e Prisioneiros.

Porén nesa altura Florencio era xa un sobranceiro militante do PG. O seu biógrafo, Ricardo Gurriarán (1999), 2022) documenta a súa temperá relación cos galeguistas valdeorreses, antes de ingresar en 1933 no PG, como consta no seu carné. Partillou actos políticos con Otero Pedrayo, que sempre o influíu, e con Alexandre Bóveda, a quen dedicou poemas contra a súa morte. E coa represión falanxista de 1936 protagoniza unha longa peripecia con agochos e a fuxida a través da raia e logo nun barco que o levou desde Porto a Bordeos. Desbota ficar no acomodo de París e viaxa á zona republicana onde exerce varios cargos e foi nomeado “Segredario de Propaganda” do PG.

Embarcada no Ipanema ía tamén a escritora libertaria Silvia Mistral, seudónimo de Hortensia Blanch Pita, nada na emigración cubana de nai galega e pai catalán, que viviu en Galicia entre 1922 e 1926 até que a ditadura de Primo de Rivera declarou desertor a seu pai, fuxidos a Cuba e retornados coa proclamación da República en 1931. Silvia Mistral narra a súa historia persoal en Éxodo. Diario de una refugiada española (1ª ed. México, 1940) e nas páxinas finais conta que cando o Ipanema deixa Bordeos foron proferidos os berros: Viva México! Viva Cárdenas! Viva la República! E que ninguén deu vivas a Francia.

Tamén conta a Mistral que cando o “barco da liberdade” pasaba á altura do cabo de Fisterra varios mozos galegos xuntáronse a babor e leron o seguinte texto (en galego no orixinal): “A vista do Fisterre, recibe, pobo galego o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara o exilio. Non perdades esperanzas, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA A REPÚBRICA. ABAIXO FRANCO”.

Non hai testemuños, nin sequera propios, de que Florencio fose un deses afoutos mozos, porén o escrito concorda moito coa súa poesía de combate antifranquista, seis poemas asinados só co nome, sen apelidos que comprometan a familia, no periódico dos comunistas Nueva Galicia, onde publicaron outros galeguistas como Castelao. Os seus versos eran ben explícitos:

Franco, Franquiño,

piquirrichiño:

nas nádegas de Hitler

puxeche o fuciño.

E o “duce” da Italia

Tamén llas bicache,

pra que te fixeran

o que ti soñache.

Nesa altura Florencio era xa poeta con obra édita, pois en abril de 1934 vira lume o seu único título antes da guerra civil, Bebedeira, no prelo compostelán da Nós de Ánxel Casal, cuxa portada é unha ilustración sobe a vendima do artista, crítico de arte e xornalista Xosé de Castro Arines, quen pouco tempo despois había dirixir a revista Guieiro da Federación de Mocedades Galeguistas.

A cerna do libro é o mundo vitivinícola, xa desde a dedicatoria que antecede ao primeiro poema: «Ás retortas cepeiras, barroco motivo da verde sinfonía do meu val: Ao viño de Valdeorras, que é o millor do mundo». Son textos que enxalzan a socialización derredor do viño, que o glorifican pois “o viño é sangue de Cristo / que se bebe ata na eigresia!”, que describen os labores (a vendima), as músicas (alalás) que as acompañan e os amores que xorden nas xeiras de traballo, ou falan das diferentes variedades de uvas e viños (garnacha, caíño, godello, moza fresca…) ou dos seus procesos de elaboración.

Desde a súa chegada a Veracruz a aclimatación á condición de exiliado en México non vai ser doada. De primeiras traballa para o SERE, procurando o benestar das persoas refuxiadas, e co transcorrer dos anos desenvolve diversos oficios, o de vendedor de zapatos permitiu que coñecese e namorase de Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos e nada en Cuernavaca, coa que casa en xullo e que lle dará cinco fillos: Florencio (1944), Chela (1945), Maruxa Ildara (1949), Lucio Antonio (1951) e Carmiña (1955). E nos últimos anos traballou nunha empresa farmacéutica.

Alén das angueiras que lle permitían soster unha familia numerosa, Florencio nunca descoidou a súa feraz actividade cultural, literaria e política. De feito, foi un dos representantes do PG na redacción do pacto Galeuzka (con organizacións nacionalistas catalás e vascas) ou fixo parte da legación mexicana no Consello de Galiza, creado por Castelao desde o exilio bonaerense, e ao que a consolidación do réxime franquista, malia a vitoria dos «aliados» na II Guerra Mundial, fanou a súa capacidade de incidencia.

Nunha primeira etapa literaria da posguerra Florencio non esquece a musa civil antifranquista. De inicio envórcase na redacción de Saudade. Verba galega nas Américas (con dúas etapas: 1942‒1944 e 1952‒1953), composta por Ramón Cabanillas Álvarez (fillo do poeta e tamén compañeiro na travesía do Ipanema), Ramiro Illa Couto, Carlos Velo e o propio Florencio, entre outros. A revista, creada pola Irmandade Galeguista e o grupo Saudade, tiña na súa extensa listaxe de colaboradores a case todos os nomes do exilio galego en México, mais tamén dos exiliados e emigrantes noutros territorios de América e, máis tarde, dos galeguistas que escribían no denominado «exilio interior». A revista conformouse como unha arma ideolóxica para combater o franquismo desde unha óptica próxima ao galeguismo político seguindo o ideario dimanado de Castelao e o Consello de Galiza.

Florencio foi un esteo fundamental no Cancioneiro da loita galega (1943), editado polo Partido Galeguista de México, con colofón do Día de Galiza, nunha imprenta de Durango participada polo Goberno de México e na que traballaban outros exiliados galegos. Para Alonso Montero (1996) o verdadeiro armadanzas do proxecto foi o poeta valdeorrés. Nos seus propios poemas, doce, usou o pseudónimo Nadel, aos que Gurriarán (1999) engade dous sen asinar por atopar os manuscritos no arquivo do poeta e outros dous asinados co pseudónimo R. Miño, polo que é o autor máis prolífico e isto avalaría a hipótese da súa responsabilidade na edición.

Por volta de 1946 o seu labor de tradutor de poetas franceses recibe un premio no certame literario convocado no XXV aniversario da FSG (Federación de Sociedades Gallegas) de Buenos Aires, no que tamén foron galardoados Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández. Os textos foron recollidos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires: Alborada, 1949). Florencio anosou trece autores en lingua francesa (Rimbaud, Mallarmé, Regnier, Valéry, Claudel, Tristan Klingsor ‒pseudónimo de Léon Leclère‒, Lucie Delarue-Mardrus, Cocteau, Drieu la Rochelle, Philippe Chabaneix, o flamengo Maeterlinck, a escritora de orixe romanesa Hélène Vacaresco e o escritor de orixe uruguaia Jules Supervielle). Anos despois, en 1952 en Opinión Gallega, unha das cabeceiras da nutrida diáspora galega na Arxentina, asina a primeira versión galega do Cimetière marin, de Valéry.

En xuño de 1953 o núcleo dos galeguistas, a maioría militantes do vello PG, crean o Padroado da Cultura Galega no México co que colabora tanto nas publicacións (Vieiros) coma nas emisións radiofónicas “A hora de Galicia”. Outra volta as diferenzas e tensións ideolóxicas desactivan a entidade. No entanto, a súa sinatura tamén está na nómina de escritores republicanos de Ecuador Oº, O’, O». Revista de Poesía Universal, fermosa iniciativa do fisterrán exiliado Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, secretario do Ateneo de Galicia en México e inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro de León Felipe do que é como poeta ou editor.

A revista Vieiros é un proxecto moito máis pretensioso que incorpora escritores «novos» (Ferrín, Casares, López-Casanova, Bernardino Graña, Xohana Torres, …) e colaboracións plásticas de artistas galegos de sona na preguerra (Castelao, Díaz Pardo, Souto…) e na posguerra (Reimundo Patiño, Xulio Maside…). Florencio é un dos tres directores da revista, xunto a Luís Soto e Carlos Velo, nos dous primeiros números pois no terceiro é substituído nesa terna por José Caridad Mateos debido ao seu traslado por razóns laborais a Guadalaxara (Nova Galicia).

En Vieiros publicou nove poemas no primeiro número, dous no segundo, nada no terceiro, que coincide co traslado, e outros dous no cuarto e derradeiro, dos que un é a tradución «Barco Bébedo (Paráfrasis Galega do “Bateau Ivre” de Jean-Arthur Rimbaud», todos incorporados a obras posteriores. Salienta tamén o seu labor como crítico literario que fai recensións das novidades literarias que recibían de Galaxia. Escribiu sobre obras de Ánxel Fole, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Gonzalo López Abente, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas ou Valentín Paz Andrade. Tamén se anunciaron artigos lingüísticos que non verían a luz, uns «Apontamentos lingüísticos. O Corpo» cuxo mecanoscrito exhumou Gurriarán (1999) e unha crítica do Diccionario de Eladio Rodríguez González.

A súa obra de máis interese é Galicia infinda (1963), non só polo feito de xuntar a súa poesía de preguerra e de posguerra, senón porque nos seus versos achamos todas as tendencias formais e estéticas empregadas polo autor valdeorrés. Apareceu, segundo o colofón, o día 16 do mes de Nadal de 1963 e fai o nº 12 de «Salnés», a colección de poesía galega de Galaxia que daquela codirixían Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, coñecido pseudónimo de Francisco Fernández del Riego. E cómpre salientar este labor, pois na altura Delgado Gurriarán era aínda un escritor exiliado en México por mor do seu compromiso antifranquista e viña de cofundar Vieiros, unha das revistas que representou a contestación galeguista e progresista contra o réxime.

O libro presenta 43 poemas de moi diversa factura. Os tres primeiros («Galicia infinda», «Nomes» e «Resposta a Rosalía») aparecen soltos, mentres que os outros corenta se agrupan baixo cinco epígrafes: «Cantarenas», «Valdeorras», «Castiñeiros», «Varia» e «Poemas mexicanos». Nove destes últimos foron publicados antes por Marcial Fernández no artigo «A Poesía de Florencio Manuel Delgado Gurriarán» no primeiro número de Vieiros (1959).

Posteriormente, o propio escritor recuperará vinte poemas deste libro na compilación Cantarenas. Poemas 1934‒1980, que foi publicada no ano 1981 en Ediciós do Castro, por iniciativa do Instituto de Estudios Valdeorreses, do que o autor foi membro de mérito.

No verán de 1968 volta por vez primeira a Galicia, á terra de Valdeorras, onde puido abrazar os familiares e tamén os poucos vellos galeguistas valdeorreses, e tamén viaxou para se encontrar con aqueloutros do grupo Galaxia ou para estar na homenaxe na Coruña a Virxinia Pereira, dona de Castelao, que tamén retornaba. Neses días gravou para o programa «Poetas de Galicia» de RNE, que o Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega vén de dispoñibilizar na rede.

Transcorrerán oito anos máis até a segunda estadía en 1976 e alén das visitas a familiares e amizades galeguistas desta volta explora as posibilidades dun regreso definitivo, porén unha doenza coronaria foi en opinión de Gurriarán (1999) a que abortou esa decisión. Desde o galeguismo organizado, con moita febleza, en México continúan os contactos cos galeguistas do interior na denominada Transición.

No outono de 1979 celébrase en Madrid unha multitudinaria homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, recén falecido, organizada por unha comisión que presidía o socialista de orixe valdeorresa José Antonio Gurriarán e con presenza do dramaturgo Lauro Olmo. Florencio é convidado a participar. Non puido acudir mais enviou unha elexía intitulada «A Celso Emilio Ferreiro», que publicaría o xornal ourensán La Región.

A creación do Instituto de Estudios Valdeorreses por volta da primavera de 1979, do que será nomeado socio de honra, xunto a Lauro Olmo e Valentín Paz Andrade, pulará polo mellor coñecemento e difusión da súa obra. En 1980 editan unha primeira biobibliografía, da autoría de Pepe Gayoso, e realizan unhas xornadas divulgativas. No mesmo ano dedicáselle unha rúa no seu Córgomo natal e descóbrese unha placa co seu nome na súa casa. Valdeorras principiaba a estimar de maneira pública a un dos seus creadores máis senlleiros.

En setembro de 1981 retorna outra vez a Galicia e pronuncia o pregón das Festas do Cristo do Barco de Valdeorras e un día despois entregáselle a medalla de académico correspondente da RAG nun concorrido e emotivo acto. Comprométese a anosar a obra do dramaturgo Lauro Olmo, mais os dereitos dos contratos editoriais do autor fanan de vez esa proposta. A finais dese mesmo mes é recibido, xunto coa súa dona, no pazo de Raxoi polo segundo presidente da pre-autonomía de Galicia, Xosé Quiroga Suárez, valdeorrés de Petín. Nas entrevistas que lle realiza a prensa nesas datas reafírmase no seu compromiso republicano e galeguista.

En 1986 verá a luz o seu derradeiro libro de poemas O soño do guieiro, mais xa non pode gozar moito da súa recepción na sociedade galega xa que Florencio fina dunha doenza cardíaca o 14 de maio de 1987 en Fair Oaks, California, onde residía parte da familia. As súas cinzas primeiro recalan en México e desde xullo no seu Córgomo de Valdeorras.

O romance «Galiza ergueita», que publicara en Opinión gallega no cincuentenario da morte de Curros Enríquez, ou o texto que lle dá título ao libro, escrito con motivo do vinte e cinco aniversario do pasamento de Castelao, recperado do Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires, onde fai unha paráfrase do capítulo XXXII do Sempre en Galiza, son boa mostra do seu estro.

Publicado en Biografía, Cinema, Documental, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Política | Deixa un comentario