Artigo en QPC (CI): “a morte do sol en Fisterra”, un poema de Salvador García-Bodaño

(FOTO: Faro de Fisterra, 2003. De esquerda a dereita Modesto Fraga, Xosé Leira, Salvador García-Bodaño, Rosa Méndez e Alexandre Nerium)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro. Desta volta para honrar a memoria do académico e poeta Salvador García-Bodaño que nos vén de deixar e para lembrar as súas lecturas poéticas en Fisterra e un dos seus poemas que se incluíu na antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

a morte do sol en Fisterra”, un poema de Salvador García-Bodaño

Onte deixounos o académico e poeta Salvador García-Bodaño, un dos nosos “clásicos”, pois os seus versos e os dos seus compañeiros de xeración (esa que din ‘Xeración das Festas Minervais’ e que outros nomean como ‘Xeración dos 50’) fan parte das nosas lecturas e das de moitos poetas da miña promoción como outros grandes autores galegos e primeiros contemporáneos que lemos. Velaí a nos iluminar a obra de Manuel María (1930) e Uxío Novoneyra (1930), Xohana Torres (1931), Bernardino Graña (1932), Antón Avilés de Taramancos (1935), Ramón Lorenzo (1935) e o propio García Bodaño (1935), Alexandre Cribeiro (1936), X. L. Franco Grande (1936), X. L. Méndez Ferrín (1938) ou Arcadio López Casanova (1942).

Din os libros que Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Vigo o 17 de xullo do 1935, no barrio operario e rebelde de Teis, contorna que escolleu para chantar un álamo, a súa árbore escolleita, no ciclo “O Escritor na súa Terra”, ao ser nomeado Socio de Honra da AELG, Letra E, en 2004. Porén, pódese dicir que Salvador é santiagués, pois a súa biografía persoal está moi ligada a Compostela, a cidade de pedra que tantos e tan fermosos versos ocupa no conxunto da súa obra. De feito, nese mesmo ano 2004 o Concello de Santiago de Compostela dedicoulle unha praza na parte nova de San Lázaro, que na miña opinión é un paradoxo para o seu alento de poeta clásico, se non for porque por ese lugar camiñan os peregrinos que queren chegar até a catedral.

Non é o lugar aquí para salientarmos uns datos biobibliográficos que nos levarían a encher moitos parágrafos sobre a súa obra, nomeadamente a poética, xa que publicou:
Narrativa: Salientando Os misterios de Monsieur D´Allier (1992), Premio da Crítica Española en 1993 e os contos “A pedra”, “Conto de Reis”, “O mosteiro”, “Ruth”, “O Sinatra”…
E noutros xéneros: Mantivo unha columna dominical en El Correo Gallego, intitulada “No pasar dos días”. Tamén publicou De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos, a biografía crítica: Rafael Dieste (RAG), diversos estudos sobre pintores e varias traducións, entre elas Viaxe por Galicia recollida de The Bible in Spain de George Borrow.
Poesía: Os seus versos están incluídos nas máis importantes e rigorosas antoloxías de poesía galega e aparecen traducidos ao árabe, catalán, francés, inglés, italiano, francés, portugués, ruso e sueco, catalán.
Ao pé de cada hora (1967). Premio da Crítica Española en 1969.
■ Tempo de Compostela (1978), Premio da Crítica Española en 1979.
37 debuxos para un país (1985), con debuxos de Felipe Criado.
Compostela (1989), con augafortes do pintor noiés Alfonso Costa.
Obra poética (1993), compilación da súa obra, que inclúe dous inéditos (Poemas de amor a Xulia e As palabras e os días).
Pegadas no alcatrán (Encomio da banalidade) (1994) é unha plaquette, da que tan só se tiraron 99 exemplares numerados.

Cidade Virtual (2003), libro publicado en formato dixital pola BVG (Biblioteca Vitual Galega).
■ E finalmente Cantos de ausencia. Elexías (1959-2002) (2004), con debuxos de Pepe Carreiro.

Porén, nesta anotación de urxencia para despedir a Salvador García-Bodaño, quixera lembrar aquí dous testemuños da súa relación coa Costa da Morte, e con Fisterra en particular.

En primeiro lugar, como mostra da súa xenerosidade, a súa participación nun dos recitais que anualmente convocaba a iniciativa «Aulas no Camiño» da Universidade da Coruña, artellada polo lembrado poeta e amigo xa finado Xosé Leira López (1951-2019) e pola profesora e poeta Rosa Méndez Fonte. Naquelas xeiras que se realizaban a final de cada curso, aló polo mes de xullo, o alumnado participante facía etapas dalgún dos diversos camiños que levan a Santiago de Compostela e sempre con prolongación até Fisterra, mesmo aínda cando a igrexa non recoñecía este itinerario, hoxe non o fai aínda co trazado histórico. Daquela desenvolvíanse sempre actividades culturais e literarias paralelas e unhas delas viña sendo un recital de poesía que adoito tiña como escenario o faro de Fisterra.

Pois ben, o 15 de xullo de 2003 a clausura poética foi por conta dos dous poetas mencionados, dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, e como convidado de honra Salvador García-Bodaño (fotografía superior), que recitaron baixo a epígrafe “Poemas e mar de fondo”. Regresou na edición de 2005, na que tamén estivo o poeta Bernardino Graña.

E en segundo lugar, lembraremos a súa tamén xenerosa achega aos textos que conforman esa monumental antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, que coordinou o noso poeta amigo Alexandre Nerium e da que xa falamos en QPC (nesta ligazón). O poema foi escrito de maneira expresa para esta colectánea a pedimento do poeta fisterrán.

Como un Poeta nunca morre de todo, velaquí o seu poema.

E que a Terra che sexa leve, compañeiro!

a morte do sol

en Fisterra

fronte de min o mar da fin da terra

o camiño secreto do pretérito

vén da foresta mítica dos séculos

e córtase de pronto

nos rochedos

riba do fondo abismo das escumas

gris brancas

as gaivotas

alá abaixo

trazan

por entre a brisa do solpor

seus últimos voares de salitre

no litoral

do espazo interminábel

na conca primitiva da mirada

xorden medos antigos

como sombras

e a inmensidade arríncame os ollos

que caen polos cantís

cara ás rompentes

vai o sol afundíndose no mar

no medio dos fulgores do silencio

e as augas

viran negras como a noite

augas de tantas ansias e saudades

ténsase no horizonte o misterio

e arde o confín do ceo

na distancia

cara ás tebras eternas do universo

a ara dos sacrificios deita o sangue

da luz a burbullóns

na atardecida

Publicado en Antoloxías, Biografía, Obituarios, Poesía, Roteiros | Deixa un comentario

70 minutos: Ricardo Gurriarán e Miro Villar analizan a figura de Florencio Delgado Gurriarán

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) dispoñibilizou na súa canle de youtube a gravación «70 minutos con Ricardo Gurriarán e Miro Villar» gravada a finais do pasado ano.

Neste audiovisual, Ricardo Gurriarán e eu propio analizamos a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se conmemorou no Día das Letras Galegas 2023. Alén da nosa intervención tamén se intercalan as pezas musicais de Lucía Aldao, xa que 70 minutos é un proxecto que une literatura e música, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Deputación da Coruña.

Trátase dunha serie de cinco capítulos e os outros catro poden ser visionados premendo nas seguintes ligazóns:

70 minutos con Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes

70 minutos con Uxía Senlle

70 minutos con Francisco Rodríguez

70 minutos con Xaquín Marín

Publicado en Biografía, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Gravacións, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía | Deixa un comentario

Artigo en QPC (C): No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na revista portuguesa A Águia

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, que fai o número cen desde aquel primeiro artigo publicado en abril de 2016 e que se pode ler aquí. Desta volta para lembrar dous poemas que o poeta muxián Gonzalo López Abente publicou hai cen anos na revista portuguesa A Águia (Porto). Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

NO CENTENARIO DE DOUS POEMAS DE GONZALO LÓPEZ ABENTE NA REVISTA PORTUGUESA A ÁGUIA

«De 1923 tamén é a súa primeira publicación nunha revista portuguesa, moi frecuentada polos autores galegos, trátase de A Águia, onde vai aparecer o seu poema “Iñoranza”, á que vai seguir “Como ti queiras”, poema publicado no núm. 6 da revista Tríptico de Coimbra».

Velaí a anotación que escribín no Limiar da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que se publicou en 2013, hai unha década, na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, unha compilación realizada por encomenda dos meus compañeiros da extinta Fundación Gonzalo López Abente.

Nesa altura a revista A Águia non estaba dixitalizada e era a referencia que eu manexaba. Porén desde hai un tempo pódense consultar libremente a totalidade dos números desta lonxeva publicación literaria (nesta ligazón http://ric.slhi.pt/A_Aguia/revista), por iniciativa do Seminário Livre de Histórias das Ideias da Universidade Nova de Lisboa, e cando abrín o número no que colaborou o poeta muxián a sorpresa foi maiúscula pois ademais do soneto «Iñoranza», na páxina 40 e do que xa tiña noticia, tamén se incluía outro soneto intitulado «Despida», na anterior páxina 39, tal e como testemuñan as imaxes que acompañan este artigo, onde tamén se pode observar a gralla na sinatura dos poemas que aparece como Gonçalez Abente. O poeta muxián Gonzalo López Abente incluíu estes dous poemas no seu sonetario D’Outono (A Coruña: Editorial Ronsel, 1924).

A Águia. Revista bimensal de literatura, arte, sciência, filosofia e crítica social, aínda que despois tamén tivo periodicidade mensal e ás veces irregular, publicouse no Porto, entre 1910 e 1932, como órgano do movemento cultural e literario autodenominado a Renascença Portuguesa. Nas súas páxinas colaboraron varios escritores galegos do momento e cando o fai Gonzalo López Abente, no número dobre 17-18 (Novembro e Dezembro de 1923), estaba dirixida por Leonardo Coimbra e António Carneiro. Co primeiro, filósofo de prestixio, o poeta muxián debeu manter algunha correspondencia epistolar (da que non se conserva testemuño, aínda que si a temos do portugués con Risco, conservada na Fundación Vicente Risco) e froito desa amizade é que no citado libro D’Outono o soneto intitulado «Rosalía» leva a dedicatoria: A Leonardo Coimbra.

Velaquí os dous poemas no libro D’Outono, para compararmos cos versos publicados na revista. Entre as dúas versións non hai apenas mudanzas lingüísticas, en «Despida» uns acentos e en «Iñoranza» a máis salientable é mágua e d’agua na revista por mágoa e d’ágoa no libro.

DESPIDA

Muller xentil, arrescendente rosa,

botón de fror, ensoño feiticeiro;

raiola vesperal d’outo luceiro,

e linfa da fontela rumorosa.

Fada resprandecente, linda diosa,

derrubeime âs tuas prantas prisioeiro

en busca do feitizo derradeiro

a que aspira a nosa alma desexosa.

E cando as miñas mans fono tirando

das galas en que estabas envolvida,

e foron os meus ollos contemprando

a miseria da carne corrompida,

mudo de pena e de dolor tremando,

vin a verdade diante min despida.

IÑORANZA

Amada miña, câl de frol galana

arrescendín o teu prefume soave;

a ti apreixado en ilusoria nave

o mar crucei da xuventú louzana.

Do teu amor na fonte soberana

bebín devoto, repousado e grave;

voiéi no ensoño, como voia unh’ave

no azul imenso da rexión lonxana…

I-hoxe, adourada, cando volvo a verche

entendo que non puiden conocerche,

i-esta iñoranza no meu peito é mágoa,

por que ês pra min, linda muller que abrazo,

coma un microbio n-unha pinga d’ágoa

ou unha estrela no infinito espazo.

Publicado en Efemérides, Poesía | Deixa un comentario

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2023

JANDO”

Abrazar aparellos e en terra que te abracen,

recoller cabo e boia e en terra recollerte,

escoitar os perigos e en terra que te escoiten,

comprender os silencios e en terra comprenderte,

dignificar suradas e en terra seres digno.

De Gameleiros (2002)

Estamos a piques de lle poñer o ramo a este ano que, máis unha vez, navegou entre a dozura e o amargor.

Precisamos máis abrazos cálidos e menos incomprensión insolidaria e xenófoba.

E todos os desazos deviren azos de esperanza.

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2023 que se achega para ti e a túa xente!

*E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña ese poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002). Sirva tamén para honrar a memoria inesquecible da mestra e pedagoga Antía Cal que desde a súa escola “Rosalía de Castro”, en circunstancias ben dificiles, foi pioneira na galeguización do ensino, tan necesaria aínda hoxe.

Publicado en Poesía | Deixa un comentario

No lanzamento do facsímile do Manifesto Máis Alá, de Álvaro Cebreiro e Manuel Antonio

Recuperamos no noso repositorio as tres crónicas publicadas na prensa dixital sobre o acto de lanzamento no fisterrán Hotel Literario Bela Fisterra, que rexenta o ceés Pepe Formoso, dun libro en conmemoración do centenario da edición facsimilar do Manifesto Máis Alá, de Álvaro Cebreiro e Manuel Antonio, con estudos críticos da man de Xosé María Dobarro, Xesús Torres Regueiro e Ernesto Vásquez Souza nas Edicións Embora e co apoio do Concello de Rianxo.

Tamén se poden ler premendo nas ligazóns de cada medio.

F. R. Lavandeira, á esquerda, Alexandre Nerium, Modesto Fraga e Miro Villar en Fisterra. Foto: Bela Fisterra

QUE PASA NA COSTA

Manuel Antonio volveu navegar no mar de Fisterra

Este pasado venres 23, o Hotel Bela Fisterra artellaba unha singular homenaxe ao poeta do mar. Unha cita para lembrar a importancia, o legado de Manuel Antonio na poesía salgada do noso país.

Trala presentación do anfitrión Pepe Formoso, interviron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; Xosé María Dobarro, profesor, investigador e coeditor literario do libro e Xesús Torres Regueiro, historiador, investigador e coeditor literario do libro. Non puido acodir o académico Xosé Luís Axeitos.

Posteriormente os costeiros Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Miro Villar e F.R. Lavandeira fixeron un recital de textos do poeta tremendamente emotivo.

Esta homenaxe terá a súa continuidade cun evento que se farán en vindeiras datas na Casa Museo Manuel Antonio de Rianxo, para culminar o Irmandamento entre o museo e a habitación adicada do Hotel Literario fisterrán.

LA VOZ DE GALICIA

Manuel Antonio, o mar e «Máis alá», en Fisterra

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

O Abaladoiro | O centenario do manifesto do poeta do mar conmemorouse no hotel literario Bela Fisterra

25 dic 2022

Catro, o cuarto número 4 do Bela Fisterra, é como se chama o cuarto dedicado neste hotel literario «ao gran poeta do mar de Galicia», Manuel Antonio. Así o reivindicou Pepe Formoso o venres, continuando co programa Un Nadal infinito, Un Nadal de libro que teñen en marcha no establecemento. Serviu o acto para contribuír a non deixar pasar desapercibido, aquí no finisterrae, o centenario do manifesto Máis alá, do propio Manuel Antonio.

Desde Rianxo, o seu berce, chegou Adolfo Muíños, alcalde, pero participaron ademais Xosé María Dobarro, profesor, investigador e coeditor literario da obra publicada por Embora, e Xesús Torres Regueiro, igualmente coeditor e tamén historiador e investigador. Unha moi boa forma de acabar o ano, mirando o mar, e coas voces de Modesto Fraga, Miro Villar, F. R. Lavandeira e o poeta do mar da Costa da Morte, Alexandre Nerium, que foron os encargados da lectura de textos. Adegas Méndez Rojo volveu colaborar na cita, do mesmo xeito que Ler Librerías.

EL CORREO GALLEGO

Centenario do manifesto de Manuel Antonio ‘Máis alá’ ao pé da Langosteira

Fisterra. As salas do hotel Bela Fisterra, ao pé da praia de Langosteira, acolleron un novo acto literario para lembrar o manifesto Máis alá, de Manuel Antonio, coincidindo co seu centenario.

No encontro participaron Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; Xosé Luís Axeitos, Académico da Real Academia Galega, profesor e investigador; Xosé María Dobarro, profesor e investigador; e Xesús Torres Regueiro, historiador, investigador e coeditor literario do libro. Ademais, deuse lectura a varios textos a cargo dos poetas fisterráns Modesto Fraga e Alexandre Nerium, do ceense Miro Villar e do rianxeiro F.R. Lavandeira.

A cita literaria enmarcouse no ciclo Un Nadal infinito e de libro!!! do Bela Fisterra terá continuidade o domingo, día 8 de xaneiro, coa presentación da nova obra da poeta fisterrana Branca Vilela. M. Lavandeira

F. R. Lavandeira, á esquerda, Adolfo Muíños, Pepe Formoso, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Suso Torres, Miro Villar e Xosé María Dobarro en Fisterra. Foto: Bela Fisterra
Publicado en Efemérides, Estudos literarios, Lingua, Manifestos, Poesía, Presentacións | Deixa un comentario

Aramados: os meus nove meses polos campos de concentración de Francia, de Manuel García Gerpe, no programa «Diario Cultural» da Radio Galega

A xornalista Belén Regueira, a quen agradezo a súa lectura e a súa atención, dedicoulle uns minutos no programa «Diario Cultural» da Radio Galega ao libro Aramados: os meus nove meses polos campos de concentración de Francia, de Manuel García Gerpe (Alvarellos Editora, 2020), unha novela-documento de memoria histórica autobiográfica que traducín para a nosa lingua.

A seguir vai a ligazón para escoitardes o programa que foi emitido o pasado mércores, 14 de decembro, e que aparece coa seguinte introdución.

http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-14-12-2022-5918506

Memoria en galego dos campos de concentración franceses

14/12/2022

Centos de miles de persoas fuxiron de España nos últimos meses da guerra civil e foron confinados en campos en Francia. Illote P Barraca 16 é o relato da experiencia nos campos de Santiago Rodríguez Salinas, escrito nos últimos anos da súa vida e do que falamos con Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, un dos seus fillos.

Aramados. Os meus nove meses polos campos de concentración de Francia é o testemuño que o ordense Manuel García Gerpe publicou na Arxentina en 1941, recollido pola editorial Alvarellos e do que falamos co seu tradutor ao galego, Miro Villar.

Publicado en Biografía, Documental, Epistolarios, Historia, Memoria Literaria, Narrativa, Política, Radio, Teatro, Versións ou traducións | Deixa un comentario

Recensión a Un terror de auga fría. Escolma da poesía galega do medo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Ed. Lit.), en Grial 235

No último número, 235 (abril, maio e xuño do 2022) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Unha colectánea de versos senlleira e sorprendente», unha recensión á antoloxía Un terror de auga fría. Escolma da poesía galega do medo, compilada por Xosé María Álvarez Cáccamo (Ed. Lit.).

Este número 235 centra os seus contidos monográficos na análise «O audiovisual galego hoxe: retos e paradoxos», cos artigos «O audiovisual galego actual: entre o mundo paralelo e as plataformas», de Xosé Nogueira; «Axencia Audiovisual Galega e a prehistoria do Novo Cinema Galego», de Manolo González; «Un Bollywood de provincias? A TVG diante dos retos e tendencias da ficción seriada galega», de Cibrán Tenreiro Uzal; «Perspectiva de xénero na ficción galega 2020», de Mariana Carballal; e «Cine e pulsión: cinco exemplos no cinema galego contemporáneo», de José Luis Castro de Paz e Héctor Paz Otero.

Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «Real responsabilidade e a Constitución», de Manuel Anxo Fortes Torres. E na sección «Ciencia e Técnica» o texto «A teoría da relatividade. Un cambio histórico para a humanidade», que asina Jorge Mira.

A seguir na sección «Documentos» Henrique Monteagudo asina a achega «Unha tentativa de refundación do Partido Galeguista no exilio (Buenos, Aires, 1946). Cartas trocadas entre Xosé Núñez Búa e Luís Seoane co Partido Galeguista do interior».

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Antón Riveiro Coello, e a poética uns textos inéditos da autoría de Luísa Castro.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «Florencio Delgado Gurriarán como tradutor. Entre Walt Whitman e Castelao», que asina Xosé Manuel Dasilva; «Brasileirismos no portugués europeo: actitudes e prácticas», da autoría de Henrique Monteagudo e «A mirada de Sofía Casanova na Rusia de hai un século: crónicas dun mundo en conflito», de Eila R. Filgueiras.

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Bruxelas. Unha mañá de domingo en Saint-Gilles», da autoría de Daniel Ugarte.

A maiores na sección «Feminismos» escriben Xisela Franco sobre «Por un Novo Cinema Galego. Unha aproximación feminista» e Encarna Otero sobre «Olladas de muller».

Na sección «Lingua» Ana Isabel Boullón Agrelo escribe sobre «A onomástica persoal en Galicia. Datos para a súa historia (socio)lingüística. Os nomes e os apelidos» .

E na sección «Historia e memoria» publícase o artigo «Sementeira de galeguidade no Centro galego de Bizkaia en Barakaldo. Crónica da acción cultural promovida por uns estudantes entre 1968 e 1970», de Francisco Domínguez.

Pecha o volume a sección «Música» co texto «Rastrexando o punk feminista en Galiza. Cal é o legado xeracional das mulleres punkis» que asina Maritxu Alonso.

Velaquí o contido da miña recensión.

Unha colectánea de versos senlleira e sorprendente

Un terror de auga fría. Escolma da poesía galega do medo

Xosé María Álvarez Cáccamo (ed. Lit.)

Contos Estraños / 2021 / 132 páxinas

Contos Estraños é unha proposta editorial singular no noso panorama literario que naceu hai unha década, por volta de 2011, primeiro como revista de literatura fantástica co mesmo nome e despois, brevemente, como colección dentro de Urco Editora, até desenvolveren un selo independente e especializado na literatura de ciencia ficción e de misterio, aínda que non só, reivindicando o ronsel de autores como H. P. Lovecraft.

Entre as súas novidades vén de publicarse esta Escolma da poesía galega do medo, cuxo suxestivo título Un terror de auga fría provén dun verso do poema “María Soliña” de Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro. A antoloxía é responsabilidade do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, autor tamén dun interesante limiar “Variacións sobre o medo”, unha ducia de páxinas de obrigada lectura para entendérmonos as liñas de traballo que seguiu neste proxecto fóra do común.

Así, Cáccamo debulla todas as dificultades do seu traballo, mesmo confesa que existiu a posibilidade de o abandonar, e explica a vasta semántica do “medo”, porque como se pode albiscar na lectura hai diversos e moi diferentes medos nos 42 poetas que xuntou, dos que se reproducen un, dous ou tres poemas como moito, e que van dende Eduardo Pondal (Ponteceso, 1935) até Celia Parra (Ourense, 1990). O antólogo segue o criterio da data de nacemento e non da publicación dos poemas para a organización, até conformar un sesquicentenario da nosa poesía que percorre case todas as promocións e xeracións que a crítica adoita considerar e que deixa fóra a mantenta os “medos” dos nosos cancioneiros medievais e dos nosos ilustrados.

Como sucede con calquera crestomatía cada persoa lectora pode botar de menos algún poema ou poeta, sen ir máis lonxe non está o “medo” presente nos versos de Curros Enríquez poñamos por caso e mesmo non compartimos a humildade no criterio de autoexclusión do propio Xosé María Álvarez Cáccamo, autor do poemario De mañá qué medo (Laiovento, 1993) e de varios títulos máis relacionados coas “sombras” dos que tamén se poderían tirar textos significativos nesa temática.

E incluso tamén se podería botar en falla algunha clase de “medo” aquí non referenciado, por exemplo moitas fobias, mais en calquera caso a escolla das 81 composicións semella estar ben xustificada e ningunha delas desmerece á hora de nos facer pensar e reflexionar sobre o medo.

Entre esa vasta semántica figuran o medo á noite, a nocturnidade e as sombras; o medo existencial e a angustia; o medo da perda e da distancia na relación amorosa; o medo á propia morte e á desaparición das persoas próximas e amadas e tamén aquí os medos a doenzas ou enfermidades incurables e irreversibles (con moita presenza nos últimos poemas do alzheimer); os medos infantís, case sempre irracionais e moitas veces con creacións ou visións monstruosas; outros medos inspirados na literatura popular (Santa Compaña en Ramón Cabanillas) e na literatura e na cinematografía (o corvo de Poe en Uxío Novoneyra ou Drácula en Olalla Cociña) e, como, non o medo e o terror da represión política, nomeadamente das vítimas do franquismo, mais tamén ese “terror de auga fría” da persecución que sufriu a canguesa María Soliña pola inquisición católica.

Sexa máis ou menos intensa a sensación medorenta que nos produza a lectura certo é que a proposta de Cáccamo deixou os propios medos atrás e encarou con afouteza o desafío.

Publicado en Antoloxías, Poesía, Recensións | Deixa un comentario

Batallón Literario da Costa da Morte | 25 anos despois

Este proxecto literario e audivisual trae aos nosos días o traballo coral dun colectivo nado na Costa da Morte que lonxe de entronizar a poesía optou por levala onde estaban as persoas, onde estaba o día a día daquela época, festas, bares, pubs, parques… O Batallón Literario da Costa da Morte, que a día de hoxe xa se estuda nos libros, estará sempre connosco e será sempre un motivo de orgullo e sinal identitario dun pobo que tiña moito que dicir, moito que emocionar!

Crónica da presentación no diario dixital Que Pasa Na Costa:

O Batallón Literario da Costa da Morte xa ten o DVD

Momento importante para a historia do Batallón Literario da Costa da Morte. Ese movemento poético que mesmo se estudia nas escolas, viu como se editaba o primeiro DVD que recompila a obra de máis de 40 poetas da comarca. O Museo do Pobo Galego foi o escenario da presentación celebrada este pasado mércores neste 25 anoversario. O anfitrión, o muxián director do MPG, Manuel Vilar daba a benvida; Pepe Formoso, precursor do proxecto, puña en contexto e o poeta fisterrán Modesto Fraga, daba as claves do desenvolvemento do mesmo. Encargouse Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, de pechar o acto.

Ao remate Manoele de Felisa representaba co seu peculiar estilo o Alalá, Fisterra ou o poema “Feros Corvos”, do que saía o boletín do colectivo.

Moitos dos protagonistas puideron asistir ao acto, e voltarán facelo noutro acto que se artellará no Bela Fisterra, para ver un anaco do documental producido, e imaxinar como invadiría a rede este colectivo de ter existido nestes tolos anos 20.

No DVD, obra de Teiga Studio, e do que se fixeron 1.000 copias que se entregarán en colexios, bibliotecas… están moitos daqueles poetas que comezaron naqueles intensos anos 90, como Concha Blanco, Alexandre Nerium, Fernando Cabeza Quiles, María Lado, Domingo Tabuyo, Xosé María Lema, Rosa Méndez, Estevo Creus, Rafa Vilar, Manuel Vilar, Xosé Iglesias, Xosé H. Rivadulla Corcón, Modesto Fraga, Paco de Tano, Miro Villar, María Canosa, Moncho Bouzas, David Creus Andrade, Sesé Canitrot, Rafael Lema, Miguel Anxo Fernán Vello, Xoán Alberte Moure, Diana Varela, Xavier Seoane, Xosé Manuel Lobato, Roberto Traba Velay, Eduardo Toba, Rocío Blanco, Xesús Bermúdez, Marilar Aleixandre, Xosé Antonio Andrade, Branca Vilela, Chisco Fernández Naval, Luís Lamela García, Rafael Mouzo, Serxio Iglesias, Mónica Goñez e Manoele de Felisa. Pero tamén estarán algunhas novas voces que se criaron directamente con aqueles versos como Rosalía Fernández Rial, Rocío Leira, Natalia Lema ou Ainhoa Conde.

Publicado en Efemérides, Ensaio, Gravacións, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Presentacións | Deixa un comentario

Vídeo da lectura de versos pondalianos no Roteiro xeolóxico polos Penedos de Pasarela e Traba. Un zoolóxico de pedra no Paleozoico

Onte, sábado 15 de outubro, chovían lanzas (como adoitan dicir por Fisterra, aínda que con seseo lansas) e só puidemos completar un terzo do Roteiro xeolóxico polos Penedos de Pasarela e Traba. Un zoolóxico de pedra no Paleozoico (G2203008) de formación do profesorado, guiado pola enorme sabedoría do profesor emérito da Universidade da Coruña Juan Ramón Vidal Romaní e no que eu propio preparei a parte literaria, con textos de diversos poetas da Costa da Morte referidos a este espazo natural, hoxe paisaxe protexida aínda que baixo a ameaza dos eólicos na contorna.

As inclemencias climatolóxicas nos nos permitiron a lectura dos textos, tan só no inicio do roteiro, e ao pé da pedra singular denominada “O barco” polo chorado artista soneirán Roberto Mouzo Lavandeira, que nos deixou con só 49 anos, dei lectura a uns fragmentos de textos poéticos pondalianos que foron recollidos nunha gravación da autoría do caro amigo Xoán Carlos Rodríguez Pérez, a quen lle agradezo inmenso o traballo de recolla documental.

ESCOLMA LITERARIA

EDUARDO PONDAL [Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917]

Poesía Galega Completa. Poemas manuscritos

[Santiago de Compostela: Sotelo-Blanco, 2002]

A costa da morte
De Traba ao Villano
esténdese informe,
cal negra serpente,
cal caimán enorme,
a costa de ferro,
a costa de bronce:
manchada d’areas,
qu’a trozos a cobren,
somella unha besta,

unha besta enorme,
plagada de tiña,
de lepra deforme.
O fero Britano,
cruzando do norte,
de medo tembrando,
escrama de longe:
“¡A costa do pranto,
a costa da morte!”.

As libres gaivotas,
que da altura volven
e nas altas cimas
d’altos fachos dormen,
voando, voando
nas alas do norte,
cand’esta sublime,
fatal reconocen,
en longa ringleira

seu camiño torcen,
que tanta esquiveza
as repele e tolle;
e voando, voando
s’apartan ao longe,
e parez que digan
co seu canto forte:
“¡Fujamos, fujamos,
a costa da morte!”.

(Eduardo PONDAL, Queixumes dos pinos, 1886)

(39)

Penedos de Pasarela,
Cando vos vexo, penedos,
Suspiro de amor por ela

(46-47) RENTAR:

O meu lugar he Gundar,
Cabo da veira da terra
De Xallas; mais coma Xallas,
N’ he terra tan agre e estérea;
Préto d’areosa Lage,
Non longe de Pasarela:
As suas casas son brancas,
E unhas pombas asomellan,

Sobr’ un tarréo pousadas,
No tempo da sementeira;
E cara o sol cando nace,
Tén as ventanas ben feitas.
As suas augas son doces;
E diante tén unha veiga,
Que quen á contempra un pouco,
Suidades déixano e penas.
Alí deixéi ó que á alma,
Non recorda sin tristeza;
Os meus, é aquel que foi causa,
Da miña pena primeira…


(Pondal, Os Eoas, 1881-1917? , Ed. de M. Ferreiro, 2005: p. 129)


Do bardo o corazón cual verdejante
val é, cando tormenta non o acaba;
mas dispois que sofrío é somellante
aos penedos hórridos que Traba
e Pasarela cercan, qu’o pasante,
cual feos restos de fervente lava,
admira, e que embozados en nebrina
mostran súa grandísima ruína.

Publicado en Gravacións, Memoria Literaria, Poesía, Roteiros, Sen categorizar | Deixa un comentario

Vídeo do poema «Derrota na casa da Nonó», no Roteiro literario sobre A Esmorga, de Eduardo Blanco-Amor

A miña presenza no excelente Roteiro literario sobre A Esmorga de Eduardo Blanco-Amor (G2203004) de formación do profesorado, guiado pola amena erudición de Afonso Vázquez-Monxardín, propiciou que sen previo aviso tivese que ler por vez primeira en público o soneto «Derrota na casa da Nonó», e a gravación deste poema máis unha vez é da autoría do caro amigo Xoán Carlos Rodríguez Pérez.

Do poema xa se falou nestas crebas o 18 de febreiro de 2015 e daquela anotación recupero novamente un fragmento significativo. Velaquí:

«Derrota na casa da Nonó», unha homenaxe á novela A esmorga de Eduardo Blanco-Amor

Esta miña querencia vén de vello, como demostra o feito de que na miña opera prima, o poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), hai un soneto que inclúe unha homenaxe, aínda que non moi explícita. Figura como quinto soneto do sexto e último caderno «De ti e das cidades» e non leva título, como o resto dos poemas do libro. Porén, recuperei o seu título orixinal «Derrota na casa da Nonó», cando o finado e chorado amigo Marcos Valcárcel me solicitou licenza para o incluír na súa antoloxía Ourense, craro río, verde val. A cidade na voz dos seus poetas (Colección Auria, Concello de Ourense, 2001), unha monumental obra que compila poemas relativos a Ourense, desde a Idade Media até o ano 2000, cuxo título é un verso de Ramón Otero Pedrayo. E desta colectánea tamén o recollen no blogue Auria, cidade literaria.

Malia que algún lector (despistado) e que fixo unha lectura autobiográfica dos versos podería crer que visitei a casa, pois non foi así. «Derrota na casa da Nonó» forma parte dunha serie ficcional na que a voz poética percorre varias cidades galegas e portuguesas en procura da persoa amada, mais que en realidade é a procura de si propio. Naquela altura descoñecía totalmente que a Nonó de Blanco-Amor está inspirada nunha muller que existiu e que foi executada por dar acubillo na súa casa a un home perseguido nos primeiros anos da posguerra. De coñecer eu daquela estes datos históricos abofé que escribiría un poema da épica das persoas perseguidas e/ou represaliadas e non o xogo literario que escribín en 1990 e que se publicou dous anos despois. Velaí o soneto:

Derrota na casa da Nonó

Cos húmidos zapatos fixen noite en Ourense
nun cuarto temperado, previsora hospedaxe,
onde os meus pés doridos descansaron da viaxe
inda máis fatigosa que unha marcha castrense.
Debilitado e triste no poboamento auriense
espelín de contado con fregas de boa praxe
que me fixo unha ninfa desapegando a friaxe
como xa se acredita na cultura ateniense.
Con esas habelencias descritas pola historia
fixo que me esquecese do teu corpo albo espido
transitando os perigos dun soño corrompido,
desarmado na perda, derrota provisoria.
Perder unha batalla non é perder a guerra,
mirarei con detalle cada anaco da terra.

Publicado en Gravacións, Memoria Literaria, Poesía, Roteiros | Deixa un comentario