Ditame da IX edición dos Premios “Rosalía de Castro”, organizados polo Centro PEN de Galicia


(Mª Esther Vázquez, gravación no programa da radio arxentina La Isla)
Fixen parte do xurado cualificador da IX edición dos Premios “Rosalía de Castro”, organizados polo Centro PEN de Galicia, coa colaboración da USC e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, malia non poder achegarme á última das sesións. Luís González Tosar (presidente do xurado), Xabier Castro Martínez (secretario do xurado), eu propio que fixen algunhas das propostas, Bieito Iglesias, Inma López SilvaManuel Guede e Manuel Outeiriño, decidimos outorgar os devanditos galardóns a:
Mª Esther Vázquez (Buenos Aires, 1937). Escritora arxentina de estirpe galega, comezou a súa actividade literaria en 1957 na Biblioteca Nacional, dirixida daquela por Jorge Luis Borges. A partir dese momento o seu nome estará ligado á revista Sur, Victoria Ocampo, Bioy Casares e todo o universo borgiano. Froito desta colaboración son dous ensaios: Introducción a la Literatura Inglesa e Literaturas germánicas medievales. Autora dunha importante obra narrativa (cómpre destacar: La memoria de los días e Crónicas del olvido), logrou grande éxito coas súas biografías Borges, esplendor y derrota (1996) e Victoria Ocampo, el mundo como destino (2002). Columnista de La Nación e premio Feria Internacional del Libro de Buenos Aires (1997).
José Viale Moutinho (Funchal, 1941). Poeta (cómpre salientar São Coisas tais Efeitos Só do Acaso? (2009), narrador (sete libros de contos) e novelista. Ten destacado polos seus traballos sobre a vida e as obras de Camilo Castelo Branco (2009), Joaquim de Araújo, Trinidade Coelho, Júlio César Machado e António Nobre. Membro de honra da Real Academia Galega, Viale Moutinho é quizáis o escritor portugués con máis vinculación a Galicia.
Enric Casasses (Barcelona, 1951). Poeta, narrador e dramaturgo, destacando tamén como tradutor, é considerado como un transgresor empeñado en tirar a poesía dos ámbitos formais. Destaca polos seus recitais, nos que prima a música e a sonoridade, o xogo cos fonemas. Considerado herdeiro de autores da categoría de Joan Salvat-Papasseit, Joan Brosse, Joan Vinyoli ou Gabriel Ferrater, a súa obra, orixinalísima, transita do medieval ao surrealismo, do renacemento ao barroco. Premio Crítica Serra d’Or (1992) por La cosa aquella, Sense trofeu e Text llest e Premio da Crítica, poesía catalana (1993), por No hi érem, ten participado en innumerables accións e proxectos culturais de avangarda.
Miren Agur Meabe (Lekeitio, Bizkaia, 1962). Licenciada en Filoloxía Vasca, foi profesora de ikastola e, desde 1990 desenvólvese no ámbito da xestión editorial. En 1986 publicou os relatos Uneka… Gaba (Por momentos… a noite) e a partir de aí, tres poemarios entre os que destaca Azalaren kodea (O código da pel, 2002), Premio da Crítica. Mais será no ámbito da literatura infantil e xuvenil onde esta autora aporte títulos fundamentais das letras vascas neste xénero: Itsaslabarreko etxea (A casa do cantil, 2001), Bisita (A visita, 2001), Joanes eta Bioletaren bihotza (O corazón de Joanes e Violeta, 2002), Etxe bitan bizi naiz (Vivo en dúas casas, 2003) e Amal (2003), entre outros.
Estes premios, únicos de carácter literario que levan o nome de Rosalía de Castro, a nosa escritora máis universal, foron instituídos polo PEN de Galicia en 1996, a iniciativa de Carlos Casares. O Centro PEN galego quere resaltar esta circunstancia cando se cumpren dez anos do pasamento de quen foi presidente desta institución.
Destinados a galardoar, desde a literatura galega, aos sistemas literarios da nosa veciñanza (autores e autoras relevantes en castelán de España e Hispanoamérica, en portugués de Portugal, Brasil e África, bascos e cataláns), están considerados na actualidade entre os de maior prestixio no ámbito Iberoamericano.
Obtiveron os “Rosalía de Castro”, de carácter bianual e sen dotación económica:
(1ª edición, 1996)
José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Joan Perucho e Bernardo Atxaga
(2ª edición, 1998)
António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Miquel de Palol e Juan Mari Lekuona
(3ª edición, 2000)
Sophia de Mello, José Ángel Valente, Pere Gimferrer e Anjel Lertxundi
(4ª edición, 2002)
Ernesto Sabato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Felipe Juaristi
(5ª edición, 2004)
Rubem Fonseca, Francisco Brines, Carme Riera e Ramón Saizarbitoria
(6ª edición, 2006)
Isabel Allende, Agustina Bessa Luís, Josep Palau i Fabre e Arantxa Urretabizkaia
(7ª edición, 2008)
Álvaro Mutis, Joan Margarit, Mia Couto e Jon Kortazar
(8ª edición, 2010)
Antonio Gamoneda, Francesc Parcesisas, Lêdo Ivo e Itxaro Borda.
A entrega dos premios terá lugar nun acto literario, organizado polo Centro PEN, no Salón Nobre de Fonseca (Reitoría da USC) no próximo setembro.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Narrativa, Poesía, Premios, Teatro. Garda a ligazón permanente.